Preséntase a traducción en ruso da obra Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro

O secretario xeral de Política Lingüística representou a Consellería neste acto, onde sinalou a pertinencia da data escollida para dar a coñecer a tradución do texto que marca o inicio da recuperación da lingua e da literatura galegas despois dos chamados Séculos Escuros a un dos idiomas de máis falantes do mundo: o 26 de setembro, Día Europeo das Linguas. Destacou, así mesmo, o papel da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta na difusión da nosa fala polo mundo e, en concreto, do centro de San Petersburgo, cuxa responsable, Elena Zernova, preparou a tradución.
No acto, o secretario xeral estivo acompañado por Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega e destacado estudoso da obra rosaliana; Manuel González, académico da lingua e director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e Elena Zernova, tradutora da obra e directora do Centro de Estudos Galegos (CEG) de San Petersburgo.
Antoloxía da literatura galega en ruso
A tradución de “Cantares gallegos” ao ruso presentada constitúe o tomo XVIII da Antoloxía da literatura galega dirixida por Elena Zernova e publicada polo CEG de San Petersburgo. A dita antoloxía está facendo posible que se difundan en lingua rusa algúns dos textos máis sobranceiros da literatura galega moderna e contemporánea.
Coa aparición do XVIII volume da colección precisamente no ano en que se celebra o 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos”, Rosalía de Castro pasa a ser tamén patrimonio dos lectores rusos e dáse a coñecer nun dos idiomas con máis falantes do mundo, portador dunha extraordinaria e singularísima tradición literaria.
Día Europeo das Linguas
O 26 de setembro celébrase, por iniciativa do Consello de Europa, o Día Europeo das Linguas, baixo os obxectivos de concienciar da riqueza da variedade lingüística de Europa, que debe ser reforzada, e de fomentar o plurilingüismo ampliando a variedade de linguas que se aprenden, de xeito que estes non queden limitados aos idiomas máis falados, coma o inglés ou o chinés.
A Xunta de Galicia uniuse a esta celebración, ademais de con este acto, coa presentación dunha nova edición do programa de dinamización da lingua galega “Os Axóuxeres” e mais coa difusión de traballos realizados polos equipos de dinamización da lingua galega dos colexios e institutos para conmemorar esta data desde o web www.xunta.es/linguagalega.
Rede de Centros de Estudos Galegos
O CEG de San Petersburgo forma parte da Rede de Centros de Estudos Galegos que a Xunta de Galicia mantén en universidades de varios continentes para difundir a lingua e a cultura galegas polo mundo.
A creación dos centros de estudos galegos enmárcase desde o punto de vista normativo na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, responde a un dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia