A mellor literatura galega da biblioteca de Cela, nunha mostra na Cidade da Cultura

Nesta nova mostra, que xa está aberta ao público, pódense contemplar exemplares da biblioteca de Cela relacionados con Galicia dende tódolos puntos de vista: literatura, historia, lingua, ciencias sociais, guías turísticas, biografías, arte e incluso exemplares da hemeroteca da Fundación. A sección de literatura é, sen dúbida, a más completa, e na que están representación os autores máis importantes de cada xeración, -incluíndo en moitos casos dedicatorias a CJC dos seus autores. Escritores do prerexurdimento como Xoán Manuel Pintos -coa súa obra clave 'A gaita galega'-, e Francisco Añón; o Rexurdimento con Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez; a literatura do século XX coas Irmandades da fala -Ramón Cabanillas-, o Grupo Nós –con Vicente Risco ou Ramón Otero Pedrayo-, autores como Castelao, Rafael Dieste e Luis Pimentel; literatura de posguerra con Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro; o exilio representado por Luis Seoane e Eduardo Blanco Amor; e a literatura galega durante a democracia, con exemplares de Xosé Luis Méndez Ferrín, Carlos Casares, Manuel Rivas, Alfredo Conde ou Roberto Vidal Bolaño.
Destaca tamén un conxunto de primeiras edicións da editorial Galaxia dos anos 50 e 60, moitas de elas tamén dedicadas polos seus autores. Recóllense nesta mostra tamén obras de autores galegos en lingua castellana como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Valle-Inclán ou Gonzalo Torrente Ballester ou obras representativas de autores non galegos pero relacionadas con Galicia como Ángeles de Compostela de Gerardo Diego ou 'Poemas galegos' de Federico García Lorca.
Entre o resto de materias destaca a obra Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo, e traballos de José Filgueira Valverde, Xosé María Álvarez Blázquez, José María Castroviejo ou Manuel Chamoso Lamas. Dentro dos exemplares da hemeroteca que se poden contemplar nesta mostra cabe destacar os 'Semanario político, histórico y literario de La Coruña' (1809), publicación seriada galega máis antiga que se conserva na Fundación, ou un exemplar da revista Nós de 1930. Esta mostra ten carácter anual polo que poderá visitarse ate finais do primeiro semestre de 2014.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia