A Cidade da Cultura acolle un obradoiro de Sanz sobre fotografía a arte sonora

Esta iniciativa sobre patrimonio acústico, liderada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no marco do programa Cultura da Unión Europea, chega ao seu fin cunha serie de accións divulgativas e concertos que se desenvolven ata primeiros de mes en distintos puntos de Galicia. Dentro desta programación, o Centro de Emprendemento Creativo de Galicia acolle esta tarde unha conferencia sobre xestión de proxectos culturais europeos e exhibe ata o vindeiro 3 de maio a exposición interactiva European Acoustic Heritage.
Creación con gravacións de campo
Unha quincena de alumnos, procedentes na súa meirande parte das escolas de imaxe e son galegas, participa desde hoxe no obradoiro Son e espazo, aberto porén a un público sen coñecementos especializados. O obxectivo é ofrecerlles aos participantes un achegamento á fonografía como práctica creativa e ferramenta multidisciplinar.
Neste sentido, abordaranse algunhas ideas relacionadas coa escoita contextual e acusmática, exemplos de proxectos, métodos e estratexias creativas con gravacións de campo. Deste xeito, Pablo Sanz afondará en distintos aspectos estéticos e técnicos das diferentes fases do proceso de traballo, desde o rexistro do son e manipulación dos materiais ata a elaboración de proxectos e a súa presentación en diferentes formatos.
Como artista sonoro, Pablo Sanz ten participado en numerosos eventos, exposicións e proxectos colectivos en varios países europeos. O seu traballo foi galardoado no certame de arte radiofónica En el aire, convocado en 2009 polo Círculo de Bellas Artes de Madrid, así como na competición Europe-A Sound Panorama organizada en 2011 polo Instituto Goethe alemán, Deutchslandradio Kultur e ZKM-Karlsruhe.
Entre os seus proxectos recentes destacan unha serie de composicións baseadas en gravacións subacuáticas, un mapa sonoro dunha área rural de Cataluña e traballos para a Radio do Museo Raíña Sofía de Madrid, Fon Air do Reino Unido e Silence Radio de Bélxica, entre outros.
Proxectos europeos
Ademais, o Centro de Emprendemento Creativo –sede da Agadic no Gaiás– acollerá hoxe, ás 17.30 horas, a conferencia Xestión de proxectos culturais europeos a cargo de Álvaro Campos, de Estrategia y Organización S.A., empresa galega con ampla experiencia neste ámbito.
Nestas mesmas instalacións da Cidade da Cultura de Galicia permanece aberta ata primeiros de maio a exposición European Acoustic Heritage, articulada a través de diferentes materiais e dispositivos interactivos para divulgar o valor da paisaxe sonora como patrimonio inmaterial a partir do traballo desenvolvido desde 2011 ao abeiro do proxecto europeo homónimo.
Acceso libre e visitas guiadas
De acceso libre, a exposición ofrece visitas guiadas todos os días de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 h. O obxectivo é achegarlles aos visitantes unha cartografía xeral arredor dos múltiples mapas sonoros elaborados polos diferentes grupos de traballo asociados ao proxecto; así como de afondar noutra, máis específica, que se centra nos estudos dos sons da auga e na que Galicia participou activamente.
Destacan, entre o material exhibido, as instalacións audiovisuais que recollen entrevistas sobre memoria acústica realizadas en Galicia e Francia, así como un punto de escoita espacializado (4.1) para mesturar as composicións de paisaxe sonora seleccionadas a través dun certame internacional para artistas sonoros e compositores.
Xunto coas actividades no Gaiás, European Acoustic Heritage continuará desenvolvendo o seu programa galego ata o 3 de maio con outra serie de accións como os paseos sonoros pola costa de Ferrol e de Vigo ou o roteiro de cantos mariñeiros en Espasante.
Máis información en: http://europeanacousticheritage.eu/
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia