Presentada na Casa de Galicia en Madrid a segunda edición de "Lamazares. Viaxe íntima"

Entre os asistentes, estiveron a secretaria de estado de Presupostos e Gastos do ministerio de Facenda, Marta Fernández Currás; a secretaria xeral de Sanidade e Consumo, Pilar Farjas; o voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro; o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría; o deputado coruñés, Juan de Dios Ruano; o maxistrado do Tribunal Supremo, Jesús Souto Prieto, o director xeral de Migracións, Aurelio Miras Portugal; o alcalde de Lalín, José Crespo; o presidente de AENA, José Manuel Vargas; o conselleiro técnico do Prado, Matías Díaz Padrón; os artistas Agustina Álvarez, María Carretero e Santiago de Santiago, o arquitecto Julio Touza, o cantautor Amancio Prada e os presidentes e membros das diferentes asociacións galegas en Madrid, culturais e profesionais.
O inicio da presentación foi entre o sons das gaitas, que ofreceu a agrupación musical da Xuntanza de Galegos en Alcobendas.
Nos agradecementos Ónega dirixiu o primeiro á "ministra Pastor, protagonista dos ceos e a terra porque as súas competencias se estenden ao voo dos avións, os trens de alta velocidade, as autoestradas e as estradas, a vivenda e outras moitas cousas así de sinxelas e de leves". Sinalou que sempre saca tempo para vir a esta Casa, "onde nos honra e apoia as nosas actividades coa súa presenza, a súa amizade e afecto". A Beotas, cualificouno como "amigo entrañable, colaborador excelso e promotor da cultura que nesta Casa fomentamos e impulsamos". E en relación a Lamazares, o delegado o definiu como "construtor de espazos sublimes, que sementa emoción coa súa obra. É un xenio e como tal leva polo mundo o espírito de Galicia, a súa terra, o seu soar de nacemento e o seu vento inspirador".
Na súa intervención, Enrique Beotas, seguindo o consello do tamén veterano xornalista Antonio San José, expuxo o "cómo se fixo” o libro, baseado en “63 horas de conversacións gravadas con antón Lamazares, debullándoas do A o Z". Beotas destacou que se trata de "un libro honesto, baseado nun artista honesto, que dixo cando o viu: “parécese bastante ao que pensó” ".
Para Ana Pastor, esta obra é "un dicionario vital" xa que non se trata dunha biografía, nin tampouco dun catálogo coas obras. "É un libro con Antón Lamazares, unha viaxe con él ao seu pensamento, unha crónica sentimental dun rapaz que lía e gozaba do seu ámbito". Pastor fixo un repaso pola vida persoal e profesional de Lamazares, admirador de Van Gogh, Paul Klee, Rembrandt, Miró,Tàpies, Manuel Millares, Alberto Giacometti e Francis Bacon. É "o pintor galego actual máis importante", dixo, e lembrou que en 2010 a Universidade de Santiago de Compostela lle outorgou a súa Insignia de Ouro, a primeira vez, en seis séculos de historia, que concede esa honra a un artista. E tamén a Xunta de Galicia lle entregou a Medalla Castelao, que premia "a perfección, o simbolismo ou a transcendencia das obras" como reflexo da entrega e fe "na cultura, na historia e no ser dun pobo".
Pola súa banda, Lamazares, dixo sentirse emocionado polas palabras que lle dedicaron neste acto e tamén gardar "uns gratísimos recordos" de moitas das conversacións mantidas que logo deron lugar ao libro, "produto dun gran traballo". Lamazares rematou dando as grazas por este regalo e co desexo de que "o mundo sexa máis libre e máis ancho para todos".
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia en Madrid