A Xunta pon en valor o legado de Francisco Fernández del Riego polos 100 anos do seu nacemento

No marco desta colaboración realizaranse diversas iniciativas arredor dos proxectos culturais, da vida e mais da obra do que fora presidente da Real Academia Galega entre os anos 1997 e 2001. Coa súa contribución á celebración desta efeméride, o Goberno galego, a través das secretaría xerais de Cultura e de Política Lingüística, busca alentar a difusión social e o recoñecemento do labor realizado por Fernández del Riego a prol da lingua e da cultura galegas.
No percorrido vital de Fernández del Riego salienta a súa capacidade para favorecer a implicación colectiva na realización de novos proxectos culturais, entre os que destacan as numerosas tarefas impulsadas no ámbito da creación e da edición literaria, coas que tamén contribuíu á promoción da lingua galega. Continuador do ideario do Grupo Nós, Fernández del Riego tamén foi impulsor do Día das Letras Galegas, celebración que en 2013 tamén cumpre medio século de vida e que se celebra cada 17 de maio, coincidindo coa data de publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.
O poemario, que marca o inicio do Rexurdimento literario galego, viu a luz en 1863, polo que este ano tamén se celebra o 150º aniversario da súa publicación, o que constitúe outras das efemérides literarias máis relevantes de 2013.
Efemérides literarias en 2013
Estas e outras efemérides están incluídas no Calendario do Libro e da Lectura 2013, unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Cultura para dar a coñecer entre a cidadanía as principais datas sinaladas que se conmemoran ao longo deste ano e para favorecer a participación social na súa celebración.
O calendario, que está accesible na rede a través de cultura.xunta.es, tamén recolle, entre outros, o 50º aniversario da Fundación Penzol, o 150º aniversario do nacemento de Manuel Lugrís Freire, o 50º aniversario do pasamento do poeta López Abente e días sinalados como o da poesía, o do libro infantil e xuvenil ou o da edición en Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia