O congreso sobre Paz-Andrade reúne a colaboración da Xunta e a Real Academia Galega (RAG)

O Pazo de Congresos de Pontevedra acolleu a inauguración do congreso, que, segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, “foi concibido con rigor e cunha intención clara de pechar este Ano Valentín Paz-Andrade cun estudo crítico global da súa figura, que permitirá no futuro contar con bases para seguir afondando no coñecemento das súas actividades e producións”.
O secretario xeral de Cultura tamén tivo palabras de agradecemento para a RAG, polo “esforzo e o traballo da planificación e organización deste congreso”. “Este peche académico –dixo– é o ramo dun ano cheo de actividades, de publicacións e de actos de recoñecemento público á figura de Paz-Andrade nacidos cunha motivación inicial, relacionada tamén coa máxima institución académica da nosa lingua, que é a celebración do Día das Letras Galegas”.
Implicación social na posta en valor dos nosos autores
Respecto desta efeméride, Anxo Lorenzo recordou que naceu “da vontade de dinamización de Fernández del Riego –de quen celebraremos o vindeiro 7 de xaneiro o centenario do seu nacemento– e, que ano tras ano, desde hai xa cincuenta, vén logrando unha maior implicación social para poñer en valor autores e autoras que puxeron o seu traballo ao servizo da lingua e da cultura de Galicia”. “A intención de contribuír á proxección desa difusión, neste caso, de Valentín Paz-Andrade, é a que motiva o apoio da Xunta de Galicia a este congreso e, naturalmente, a un programa amplo de actividades celebradas ao longo deste ano”, asegurou.
O presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, tamén participaron no acto de inauguración do congreso, polo que durante tres xornadas van pasar algunhas das principais voces expertas nas diferentes facetas de Paz-Andrade, que permitirán completar a análise da súa contribución ao desenvolvemento de Galicia, tanto desde o plano social e cultural, como desde o plano social.
Intervirán biógrafos do homenaxeado, como Charo Portela, Tucho Calvo ou Xan Carballa; especialistas da crítica literaria, como Xesús Alonso Montero ou Xosé Luís Axeitos e ensaístas da historia e da política, como Emilia García López, Xosé Manuel Beiras ou Xusto Beramendi, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia