Pasar al contenido principal
Cultura Galega | Cultura Gallega logo

Enlaces primarios

  • Inicio
  • Galerías de Autores
    • Arquitectura
    • Artesanía
    • Deseño Gráfico
    • Deseño Moda
    • Escultura
    • Esmalte
    • Fotografía
    • Gravado
    • Ilustración
    • Multimedia
    • Pintura
  • Publicacións
  • Concursos
    • Bases
    • Premios
  • Alta de Autor
  • Alta Directorio
  • Contacto

A mostra Arredor do mar achega o pasado das vilas mariñeiras en 64 fotos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a se achegar ao pasado das vilas mariñeiras de Pontevedra a través da iniciativa Arredor do mar, unha mostra fotográfica que pode verse na sala de exposicións temporais do Museo do Mar de Galicia, en Vigo. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch, participaron esta tarde na inauguración da mostra, que achega o visitante á esencia do pasado das vilas costeiras da provincia de Pontevedra a través da mirada de fotógrafos de prestixio e afeccionados a esta arte.

A exposición está composta por 64 instantáneas da vida cotiá de finais do século XIX e mediados do XX –moitas delas inéditas– pertencentes ao Museo de Pontevedra, que “constitúen testemuños gráficos de enorme riqueza para a nosa cultura, o que as fai posuidoras dun grande interese desde o punto de vista histórico, antropolóxico e social”, afirmou Anxo Lorenzo.

“Os quilómetros de costa que debuxan a paisaxe de Galicia, ademais da súa riqueza e da beleza natural que nos ofrecen, levan modelando ao longo da historia a relación que desde antigo mantivemos os galegos e as galegas co mar –engadiu o secretario xeral–, unha relación á que agora nos achegan as miradas de diferentes fotógrafos que atoparon nas nosas vilas mariñeiras ese poder evocador de emocións que lle dá sentido á arte”.

Retratos da vida ao carón do mar

Arredor do mar propón un apaixonante percorrido ao pasado de vilas mariñeiras como Bueu, Moaña ou A Illa da Toxa a través da súa memoria fotográfica e grazas ao traballo de prestixiosos fotógrafos coma Francisco Zagala, Lorenzo Novás, Joaquín Pintos, Otto Wunderlich, Enrique Sarabia ou José Suárez, que capturaron diferentes escenas da vida cotiá. É o caso do único testemuño gráfico que existe da protesta dos mariñeiros do xeito contra a arte da traíña durante a visita da raíña rexente María Cristina e o seu fillo, o príncipe Alfonso, futuro Alfonso XIII, captado polo fotógrafo Joaquín Pintos.

As imaxes máis antigas son obra de Francisco Zagala e o seu discípulo e sucesor Lorenzo Novás. Ambos traballaron para a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, que foi pioneira na recuperación do patrimonio cultural desde a súa creación en 1894. Son fundamentalmente fotografías de finais do século XIX, que retratan a vida ao carón do mar, o traballo dos mariñeiros, das mariscadoras ou nas fábricas de conservas.

Unha óptica diferente, a do mar como destino turístico, é a que ofrece o fotógrafo alemán Otto Wunderlich, quen percorreu en 1929 a provincia de Pontevedra tomando as imaxes que ilustrarían os seus folletos publicitarios. Así, as praias como as de Cangas ou Sanxenxo que el fotografou, e que poden apreciarse nesta mostra, convertéronse en símbolos turísticos de Galicia.

A visión sobre o mar e o que sucede ao seu redor enriquécese nesta exposición a través tamén da mirada de fotógrafos afeccionados coma o empresario vigués Martín Echegaray, o xuíz José Bellver, o comandante de infantería Julio Fernández de los Ríos ou o Italiano Atitilio Gaggero –con importantes ligazóns nas empresas conserveiras de Bueu–, que tiñan na arte da fotografía unha das súas grandes paixóns.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia

Directorio

  • Ensinanza (19)
  • Editoriales (97)
  • Museos (122)
  • Salas Exposición (127)
  • Artesanía (554)
    • cerámicas (108)
    • coiro (46)
    • gráficas (12)
    • metal (82)
    • pedra (40)
    • vidro (30)
    • instrumentos (22)
    • textil (68)
    • xoiería (39)
    • madeira (67)
    • varios (41)
  • Teatro (239)
    • maxia (22)
    • aficionados (126)
    • compañías profesionais (93)
  • Música (1179)
    • son e iluminación (22)
    • varios (168)
    • solistas, duos y trios (30)
    • orquestras y grupos (43)
    • música clásica (283)
    • grupos folk-rock-pop (154)
    • rondallas (39)
    • corais e orfeóns (296)
    • bandas de música (149)
  • Cultura Tradicional (319)
    • agrupacións de canto tradicional (56)
    • grupos de música popular (262)
  • Bibliotecas (813)
    • bibliotecas públicas (456)
    • bibliotecas especializadas (357)
  • Danza (308)
    • outras danzas (38)
    • danza tradicional galega (270)

Aviso Legal | Política de Privacidad | Política de cookies

Aldeas Gallegas

Usamos cookies propias y de terceros para mostrar publicidad personalizada según su navegación.
Si continua navegando consideramos que acepta el uso de cookies. OK Más información