A Cidade da Cultura acolleu 149 actividades culturais e recibiu arredor de 200.000 visitantes no que vai de 2012

A celebración do primeiro gran concerto no Gaiás como foi o de Björk e a presenza de grandes figuras do noso tempo como o Nobel de Química de 2010 Ei-ishi Negishi ou o de Medicina 2001, Tim Hunt; o pensador e escritor Eduardo Galeano; así como prestixiosos mestres da música, como o posuidor de quince Grammys, Paquito D’Rivera, ou a galega Cristina Pato, contribuíron a acadar estas boas cifras. Clave foi tamén a apertura do Museo Centro Gaiás coa inauguración da exposición Gallaecia Petrea, unha ambiciosa mostra que ofrece un novidoso percorrido pola Historia de Galicia a través dun elemento tan definitorio da nosa identidade como é a pedra.
Dinamización do tecido cultural galego
Seguindo a senda iniciada en 2011, a Cidade da Cultura programou para este ano unha oferta plural na que variadas disciplinas artísticas teñen cabida, para todos os públicos e na que os creadores e a industria cultural galega son prioritarios.
”A Cidade da Cultura , como deixan claro as cifras que estamos a transmitir, non é só un polo de dinamización turística para Galicia, senón tamén social e empresarial, ao implicar un gran número de entidades do tecido produto galego, fomentando a xeración de actividade económica nun sector especialmente inserido na dinámica da crise como é o cultural”, explicou Anxo Lorenzo. De feito, o tecido cultural da comunidade foi clave na posta en marcha desta nova programación tal e como demostra a participación dun 87% de empresas galegas na súa organización dun total de 239 ou a presenza de 241 artistas galegos dos 379 que pasaron este ano pola Cidade da Cultura.
O público respondeu ante esta programación aberta e plural, na que destaca a afluencia á exposición Gallaecia Petrea, o concerto de Björk, o festival de cultura urbana Cidade en Movemento e as actuacións de Atardecer no Gaiás. Ata 5.500 persoas se achegaron á Cidade da Cultura para vivir o único espectáculo que a artista islandesa ofreceu en España o 22 de xuño, mentres que unhas 2.400 deixáronse sorprender coas acrobacias sobre as BMX e monopatíns que protagonizaron Cidade en Movemento. Especialmente destacable é a acollida que está a ter a segunda edición do ciclo Atardecer no Gaiás, actuacións en pequeno formato das que xa gozaron preto de 4.000 persoas, con auditorios numerosos para Xoel López, Simone White ou Hola a todo el mundo.
Apertura do Museo con “Gallaecia Petrea”
Á consecución destes bos datos tamén contribuíu a apertura do Museo Centro Gaiás coa mostra Gallaecia Petrea, inaugurada o 15 de xuño e que en tan só dous meses recibiu un total de 22.537 visitantes. A exposición está a recibir unha media diaria de 375 visitas, sendo o día de máxima afluencia o mércores 1 de agosto, cando se achegaron ata o Museo 725 persoas.
De total de visitantes, 3.897 persoas pagaron a entrada íntegra de catro euros; 18.025 entraron de balde a exposición, ben por visitala un mércores –día no que non se cobra entrada- ou por formar parte dalgún dos colectivos aos que non se lles cobra entrada: desempregados, menores de 18 anos ou pensionistas; 615 visitantes pagaron a entrada cun desconto do cincuenta por centro por ser estudantes, grupos maiores de 20 persoas, familias numerosas, carné xoven ou discapacitados. A maioría –un 80 por cento- son españolas mentres que un 20% procede doutros países, entre os que destacan Portugal, Francia e Alemaña.
Respecto do orzamento da mostra Beatriz González Loroño lembrou foi dun 1.012.965,62 euros, do cal o 75% está financiado pola Fundación privada Gaiás. E tan só 25% vai con cargo aos orzamentos da Xunta, e destacou que á esta achega haberá que descontar os 80.000 euros que inicialmente están previstos ingresar por venda de entradas, venda de catálogos e de merchandising (material promocional da exposición). Neste punto Loroño sinalou que a día de hoxe xa se ingresaron máis 20.000 euros nestes tres conceptos.
Actividades culturais para enriquecer a mostra
O interese por esta exposición irá medrando nos próximos meses grazas á posta en marcha dun programa de actividades culturais para todos aos públicos co obxectivo de enriquecer a mostra. Visitas dramatizadas para achegar a historia da pedra aos máis pequenos, espectáculos de monicreques para toda a familia, maratóns de imaxes para os amantes da fotografía ou concertos en pequeno formato en diferentes espazos do Museo complementarán ás visitas guiadas que de balde se ofrecen diariamente en dúas quendas: 12:30 e 18:30h.
A Cidade da Cultura ultima un programa de visitas didácticas que arrancará co curso escolar e que pretende achegarlle dunha forma lúdica os valores da mostra aos diferentes niveis educativos: dende infantil ata Bacharelato e FP. O Museo Centro Gaiás celebrará a “Semana de Portugal en Gallaecia Petrea” e acollerá ciclos de conferencias a cargo dos comisarios da mostra para difundir a exposición entre un público especializado. Ademais, se está a traballar con prestixiosas institucións culturais nacionais para pór en marcha proxectos de colaboración que permitan difundir o contido da exposición Gallaecia Petrea fóra de Galicia.
Ampliar a mostra
Ademais, actualmente estase en contacto coas entidades prestatarias para ampliar ata marzo a exposición e facilitar, así, que todos os galegos e visitantes se poidan achegarse a unha das mostras máis ambiciosas das feitas ata agora na comunidade. Gallaecia Petrea ofrécelle ao visitante unha viaxe pola Historia de Galicia a través da pedra: dende a prehistoria ata a actualidade.
Cómpre recordar que as 341 obras que integran esta exposición proceden de diferentes partes de Galicia, España e de Portugal, coa colaboración dun total de 91 institucións culturais, concellos e coleccionistas privados. Polo tanto débese recordar que Gallaecia Petrea supón un proxecto colectivo que implicou unha exhaustiva investigación científica a cargo de 76 expertos, investigadores e profesores universitarios que dá como resultado non só a propia mostra, senón tamén un catálogo de máis de 600 páxinas que representa unha minuciosa investigación sobre o patrimonio galego.
O Gaiás celebra o Centenario Granell
Gallaecia Petrea non centra en exclusiva a actividade expositiva da Cidade da Cultura. O Gaiás sumouse, xunto a outras seis entidades culturais de Santiago de Compostela, ao centenario dunha das máximas figuras do surrealismo: Eugenio Granell. Dende o 19 de xuño e ata o 2 de decembro, o Arquivo de Galicia acolle a mostra O encontro na poética de Eugenio Granell, unha mostra multidisciplinar na que se inclúen óleos, debuxos, construcións ou guaches que o artista creou a partir dun punto de partida común: o encontro, un acto humano e cotián que marcou a vida deste artista.
Programación para os vindeiros meses
“Tras as 238 actividades celebradas o ano pasado, que obtiveron unha valoración media global de 8,5 sobre 10, a Cidade da Cultura seguiu apostando ao longo deste ano por unha oferta plural e para todos. Unha programación que continuará nos próximos meses con proxectos xa consolidados e que están a obter unha magnífica acollida por parte do público”, asegurou a directora de Acción Cultural, María Pereira. A primeira cita será este mesmo sábado, 25 de agosto, cando o Gaiás se converta nunha Cidade Imaxinaria na que toda a familia poida gozar con actividades ao aire libre. Trátase dunha viaxe ao mundo máxico do circo, ao balbordo das feiras de principios de século e aos invento e ilusións ópticas nunha xornada chea de espectáculos, xogos e obradoiros totalmente de balde e pensada para todos os públicos.
Xa en setembro, a Cidade da Cultura volverá apostar polos talentos emerxentes coa celebración da segunda edición do Encontro de Artistas Novos, onde cen mozos poderán dar a coñecer os seus traballos e establecer lazos con outros axentes do mundo da arte e a creación. Setembro será tamén a volta dun dos ciclos infantís con máis éxito do Gaiás: Pequeclassics, polo que xa pasaron este ano un total de 1.112 nenos e pais e que regresa con catro novas obras coas que achegarlle a música clásica e a ópera aos máis pequenos. En outubro será o regreso, tras o parón estival, do ciclo literario Galicia, Ceo das letras –que lle renderá tributo a grandes figuras como Otero Pedrayo, Lorca ou Castelao- e do musical Os Seráns do TAC, con tres novos concertos. E en novembro terá lugar o II Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC), que volverá converter o Gaiás nun foro de debate cultural como xa fixo no 2011 cando reuniu a representantes de prestixiosas institucións culturais como o MoMA de Nova York, o Barbican de Londres ou o Smithsonian.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria