Cultura e Educación enche o Gaiás de circo, espectáculos e xogos o vindeiro 25 de agosto co festival “cidade imaxinaria”

Xogos para agudizar os sentidos
Xunto a “zancudos”, pallasos, equilibristas e malabaristas, os asistentes á Cidade Imaxinaria poderán enredar nuns xogos pensados para exercitar a agudeza mental, a tenacidade, a paciencia e a inventiva nun ambiente de lecer. Así, grandes e pequenos poderán perderse ao longo de todo o día nun Garabato de xogo formado por ata trinta xogos elaborados con materiais reciclados; nun Labirinto cheo de cruzamentos, atallos e enigmas; ou entre os inventos máxicos, as caixas misteriosas e os espellos de dobre visión da Feira dos Imposibles, feira de época única no seu xénero en toda Europa.
Espectáculos na rúa
O Gaiás acollerá tamén novos espectáculos ao aire libre totalmente de balde. Ao longo do día e en diferentes sesións, os que se acheguen ata a Cidade da Cultura poderán rir cos aventuras dos charlatáns Irmáns Ficante que dende o seu carromato explicarán os beneficios dun tónico milagreiro, co que os obxectos cobran vida. Os máis intrépidos poderán axudar a Messieur Bocamoll, Marcelo o inventor mecánico e Ursus, o valente piloto acróbata, a pilotar un impresionante Zeppelin co que percorrerán múltiples cidades e coñecerán ás máis diversas xentes sen que nin tormentas nin avarías lle impidan unha sorprendente viaxe. E para os amantes do circo, o vindeiro 25 de agosto chega o Gaiás o Señor Pérez co seu Circo de pulgas, unha troupe do máis peculiar que fará gozar ao público coas súas acrobacias e mais as súas asombrosas habilidades.
Teatro e cine
O teatro tamén estará presente nesta Cidade Imaxinaria grazas á compañía Tanxarina e a súa obra Trogloditas, un espectáculo cómico cheo de humor e tolería a cargo de tres homes primitivos e uns aloucados monicreques. Xa no Auditorio, o xenial Pep Bou porá en escea o espectáculo Burbullas á carta, pompas de xabón que seducirán e sorprenderán ao público pola súa delicadeza e espectacularidade. Como todas as actividades de Cidade Imaxinaria, esta actividade será de balde pero conta con prazas limitadas polo que as persoas que desexen asistir deberán retirar a súa entrada media hora antes de cada sesión (12:00, 13:30, 17:30 e 19:00 horas) no mostrador da Biblioteca de Galicia. O espectáculo, para todos os públicos, ten unha duración de 40 minutos.
E do teatro á gran pantalla porque os pequenos cinéfilos tamén terán o seu espazo no Gaiás grazas á Caixiña dos mistos, unha caravana moi especial reconvertida en sala itinerante onde proxectar peliculiñas de curta duración. Pensado para nenos e adolescentes ata 14 anos, todos os participantes poderán proxectar a peza que máis lle gusta da carteleira e votar por aquelas curtas favoritas ao tempo que será posible pintar, xogar coa plastilina ou facer recortables.
Ludoteca para bebés
Co obxectivo de que todo o mundo teña o seu oco, Cidade Imaxinaria contará coa súa propia ludoteca para bebés habilitada no Espazo Off. Un rincón para nenos de 0 a 4 anos no que poder compartir cos seus pais xogos, manualidades, pinturas e un bo número de actividades guiados por monitores expertos.
As actividades de Cidade Imaxinaria complétanse con obradoiros nos que nenos e adultos poderán desenvolver a súa imaxinación como o de Maquillaxe, na que aprenderán a pintar a cara das máis diversas cores e con formas moi orixinais, converténdose por unhas horas no personaxe que sempre quixo ser; así como outros talleres que precisarán de previa inscrición en www.cidadedacultura.org. Un amplo abano de actividades que darán vida a un festival animado en todo momento por un nutrido grupo de pallasos, malabaristas, trapecistas, músicos e demais personaxes animados para facer do 25 de agosto un día inolvidable.
Gabinete de Comunicación da Consellería e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria