A Fundación Rosalía de Castro conmemora o 150º aniversario de "Cantares gallegos"
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, trasladoulle ao presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, a disposición do Goberno galego de seguir colaborando cos proxectos e iniciativas da Fundación que leva o nome dunha das autoras máis relevantes da historia literaria e cultural de Galicia. Así mesmo, Feijóo manifestoulle o apoio e a participación en todas as actividades que se van a levar a cabo en 2013 con motivo da celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a obra que marca o Rexurdimento literario galego do século XIX. O presidente galego recibiu esta mañá en audiencia ao presidente da Fundación Rosalía de Castro, quen lle presentou o proxecto de celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. Feijóo subliñou o espírito de colaboración e a sintonía entre ambas institucións que se verá reforzada máis se cabe, ao longo do próximo ano nos actos conmemorativos da mencionada obra.
Na xuntanza tamén estiveron presentes o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, xa que ambos organismos tamén participarán nos actos conmemorativos. Cómpre salientar que Rosalía de Castro foi a primeira autora á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas, no ano 1963. Así mesmo, foi unha imprenta da cidade de Vigo a que publicou por primeira vez a obra Cantares Gallegos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia


