O Instituto Cervantes e a Xunta colaboran na difusión da cultura galega
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Cervantes comprométense a colaborar na difusión da lingua e cultura galegas no ámbito internacional. Así o acordaron na xuntanza que mantiveron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director do Cervantes, Víctor García de la Concha, na sede da institución en Madrid.A través deste marco de colaboración, os centros do Instituto Cervantes do exterior acollerán a realización de actividades programadas pola Xunta de Galicia, de acordo co interese estratéxico para a cultura galega nos diferentes países nos que a institución española está presente.
Durante a reunión, García de la Concha manifestou o interese do Instituto Cervantes por contribuír á difusión da diversidade lingüística e cultural de España a través dos seus centros, unha canle que Anxo Lorenzo destacou como “unha oportunidade para dar a coñecer as novas iniciativas culturais galegas”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia


