O Gaiás convertirase o 21 de xullo nunha cidade en movemento

Cidade en Movemento desenvolverase o vindeiro sábado 21 de xullo de 11:30 a 21:30 horas na praza central da Cidade da Cultura de Galicia, cunha programación totalmente de balde e onde haberá actividades pensadas para todas as idades. A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, asegurou hoxe durante a presentación deste evento que “con actividades como esta, o Gaiás busca ofrecer eventos de lecer para toda a familia, un público que ocupa un papel central na nosa programación cultural”.
No acto de presentación participaron ademais a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira; e un dos responsables desta xornada, o artista multidisciplinar e socio da firma StepFamily, Ramiro Tersse, máis coñecido como Ramiroquai, quen convidou a todos os galegos a achegarse o 21 de xullo ao Gaiás “para converterse nos reis da pista”. Como adianto do que se vivirá o sábado 21 na praza central da Cidade da Cultura, catro dos mellores riders galegos subiron esta mañá ao Gaiás para demostrar o que pode facerse sobre dúas rodas, ofrecendo un espectáculo de BMX único na rampla da Biblioteca de Galicia.
Exhibicións con figuras punteiras
Nunhas ramplas especialmente montadas para a ocasión, o público que se achegue ata a Cidade da Cultura o sábado 21 de xullo poderá admirar a destreza sobre dúas rodas de riders de primeiro nivel como Daniel Peñafiel “Naran” ou dous dos mellores especialistas de flatland: os madrileños Guelo e Moya. Conducido polo speaker Jairon Maiden, a destreza co skate estará en mans de oito figuras indiscutibles, como o campión de España sub-18 Danny León ou os galegos Diego Doural e Varo Pastor. Ademais, o Gaiás bailará a ritmo de break dance grazas aos membros da Fusion Rockers Bboying Crew e da Black Shadows Crew, mentres que a nota de cor virá da man do artista vigués Anthony e a súa destreza na arte do graffiti.
Obradoiros para todas as idades
Cidade en Movemento permitiralle ao público converterse en artista coa celebración de obradoiros ao longo de toda a xornada (consultar os horarios en www.cidadedacultura.org). Así, El Puto Coke dará as claves da composición no obradoiro Rap e Rima; Ramiroquai, ex integrante do grupo Mayumana, ensinará a converter o corpo nunha caixa de son en Somos Ritmo; os integrantes da Black Shadow Crew demostrarán como moverse ao son do break dance; o skater Danny León amosará pequenos trucos para converterse no rei da pista no circuíto de Skate Minicamp; e o artista vigués Anthony ensinará a manexar as técnicas do graffiti. Todos os obradoiros son de balde pero precisan de inscrición previa en www.cidadedacultura.org, xa que as prazas son limitadas.
Área infantil
Os máis pequenos serán os grandes protagonistas de Cidade en Movemento. Na praza central instalarase un circuíto de minikarts no que os nenos poderán amosar a súa destreza ao volante. Ademais, a Cidade da Cultura ofrécelle a oportunidade de aprender a manexar o monopatín cos dedos a través do Fingerboard, un divertido xogo para toda a familia. E para os máis arriscados, unha táboa de surf mecánica permitiralles aos nosos pequenos coller as ondas no alto do Gaiás.
O programa de actividades desta Cidade en Movemento complétase coa proxección de documentais, curtas de animación e ficción relacionadas cos deportes de acción e os retos deportivos que inclúen tres pezas galegas: a curta Red Bull Silent Project, dirixida por Ramsés Rivera; MPHMANN, documental sobre a carreira de motociclismo máis apaixonante e perigosa do mundo; e a curta Ejes, ao redor do mundo do BMX, surf e o MTB.
A aposta teatral virá da man da compañía Yllana, que porá en escena unha obra chea de humor para toda a familia: Olimplaff, con tres peculiares deportistas que loitan por chegar ao alto do podio como protagonistas. O espectáculo terá dous pases: un ás 12:30 e outro ás 18:30 horas e, aínda que é de balde, é preciso inscribirse previamente en www.cidadedacultura.org para poder acceder ao Auditorio da Biblioteca de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia