Claudio Rodríguez Fer, investido Doutor Honoris Causa na Universidade de Alta Bretaña

No seu discurso de recepción da distinción, Claudio Rodríguez Fer salientou a súa intensa relación con Bretaña, en varias de cuxas universidades foi profesor visitante e onde disertou, recitou e publicou en numerosas ocasións, pois é un dos poucos escritores actuais que está traducido ao bretón e o único galego distinguido cun Doutoramento Honoris Causa en tal lugar.
Nunha cerimonia presidida polo reitor da universidade, Jean Emile Gombert, foi presentado pola decana da Facultade de Linguas, Françoise Dubosquet, ante numerosas autoridades académicas de Bretaña e de Galicia, como a decana da Facultade de Humanidades de Lugo Isabel González Rey.
DISCURSO DE RECEPCIÓN DO DOUTORAMENTO HONORIS CAUSA
POLA UNIVERSIDADE DA ALTA BRETAÑA EN RENNES
Señor Presidente da Universidade da Alta Bretaña – Rennes 2.
Autoridades e Claustro das Universidades presentes.
Amizades todas de Bretaña, Normandía e Galicia.
En primeiro lugar, teño que dicir que, aínda que ante todo é para min unha honra recibir o Doutoramento Honoris Causa da Universidade da Alta Bretaña, tal recoñecemento supón o cumprimento dunha ilusión e a consolidación dun compromiso, compartidos dende hai moito tempo e que seguramente me acompañarán ata a fin dos meus días.
A ilusión é a de contribuír a aproximar Galicia e Bretaña a través da cultura, da creación, da docencia, da investigación, da universidade e do trato humano, non menos importante para establecer relacións frutíferas e permanentes entre comunidades. A todos estes campos tratei de achegar o meu traballo, a miña solidariedade e o meu entusiasmo, ás veces con persoas tan próximas a min como a miña filla Mariña ou a súa nai, a escritora Carmen Branco, quen tamén falou en Bretaña e escribiu sobre ela.
E o compromiso é o de seguir perseverando nun camiño intercultural que una Galicia con Bretaña nun libre marco aberto que favoreza a integración e a convivencia entre os pobos e as culturas da Terra en toda a súa rica diversidade, sen que ninguén estea por encima de ninguén e onde todo sexa percibido como patrimonio común. En tal interacción quero recoñecer aquí o pioneiro labor galaicista dos profesores Bernard Le Gonidec, sempre en fraterna fusión coa súa galaica terra adoptiva, e Jean-François Botrel, sen dúbida o hispanista bretón que máis veces tiven o pracer de presentar e publicar na universidade galega.
Por todo isto, hónrame especialmente ser proposto para este Doutoramento Honoris Causa polo Departamento de Español, en cuxo seo fun profesor visitante en 1995 e constante colaborador dende entón, e polo Departamento de Bretón - Céltico, ao que me une a miña tamén solidaria colaboración en Bretaña e en Galicia, ademais da miña propia obra creativa, aquí traducida ao bretón xa no ano 2000. Grazas, pois, a esta benevolente conxunción e, por suposto, ao labor de acollida e ás palabras pronunciadas pola miña madriña nesta cerimonia, a profesora Françoise Dubosquet, á que tantas actividades académicas e tamén tantas iniciativas interculturais me unen.
*
Mais ante todo quero deixar claro que o meu Doutoramento Honoris Causa debe ser o de todas as causas que fixeron que cheguemos ata aquí: a do meu territorio nativo, Galicia; a do meu territorio laboral, o hispanismo; a dun dos meus territorios máis inspiradores, Bretaña, e a do meu territorio máis ético, a memoria antifascista, catro referentes que se poden resumir nun concepto máis integral que os engloba: a poesía, pois nela é e está todo, xa que, como escribín no libro de poemas A loita continúa: “A poesía é acción ou non é nada”. A estas catro causas referireime brevemente precedéndoas dalgúns versos que as glosan.
*
Eu nacín nun país verde fisterra que vagou errante tras manadas de vacas.
Incerto fillo son das tribos móbiles que só se detiveron cando se lles acabou o mundo.
Non teño outras raíces que ás da espora nin outra patria habito que a do vento.
Síntome da estirpe daqueles pobos nómades que nunca se constituíron en estado.
(“A cabeleira”, de A boca violeta)
É, dende logo, Galicia, a miña terra natal, e a lingua e a literatura galegas, a orixe do meu primeiro contacto directo con Bretaña. Aquí vin invitado por primeira vez en 1995 para pronunciar unha conferencia sobre a Galicia máxica e a tradición popular na narrativa do escritor e querido amigo Ánxel Fole. A ela seguirían outras conferencias literarias e diversos recitais poéticos ao longo de case dúas décadas, durante as cales María Lopo e Olga Novo foron as voces galegas que máis veces me acompañaron en tan inesquecibles xornadas. E tamén se me brindou a oportunidade de dirixir e de xulgar traballos de investigación académica, como unha tese doutoral sobre Cunqueiro, debida a Loïc Fravalo e dirixida por Claude Le Bigot, e de cooperar coas actividades e o persoal do Centro de Estudos Galegos de Rennes, que sempre terá o meu apoio e colaboración.
*
A cuneta Federico García Lorca,
que ocupa toda a veiga de Granada.
Cunetas. Cunetas. Cunetas.
Así se fixo o Plan Nacional de Estradas
de mil novecentos trinta e seis:
Onde a silva medraba con máis arte,
metralla.
Onde o amor era libre polas curvas,
metralla.
Onde a verba se elevaba na rasante,
metralla, metralla, metralla.
(“Memorial dos foxos de Lugo”, de Ámote vermella)
É dende logo o hispanismo o territorio profesional que me afincou en Bretaña dende que dei clase en Rennes en 1995, no primeiro de moitos outros actos e cursos que acometería en distintos lugares do país, incluíndo unha tamén para min frutífera estancia como profesor visitante no Departamento de Estudos Ibéricos e Ibero-Americanos da Universidade de Bretaña Sur, en Lorient. Así, Valle-Inclán, Antonio Machado, Lorca, Borges, Valente ou Gimferrer foron algúns dos autores hispánicos que tiven ocasión de presentar ao alumnado bretón. E en condición de director da Cátedra José Angel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, espero seguir incrementando a nosa relación interuniversitaria con novos acordos e convenios, especialmente co Equipo de Investigación Interlinguas: Memoria, Identidade, Territorios, en cuxas actividades veño xa participando dende a súa formación.
*
ATA QUE DIXEN
Dixen Armórica,
dixen Breizh,
dixen Bretaña
e nada foi ata que dixen
o teu nome.
BRETAÑA
Nome menhir,
nome támara,
nome goleta,
nome teu.
(“Viaxes contigo”, de Viaxes a ti)
É para min dende logo territorio culturalmente adoptivo Bretaña e, dende ela, as linguas, as literaturas e os países celtas, de todo o cal tanto aprendín aquí e tanto procurei dar a coñecer en Galicia, sobre todo a través das publicacións que codirixo, os cadernos interculturais Unión Libre e a revista universitaria Moenia, e da miña memoria de vida Meus amores celtas. E ata descubrín o subtexto bretón na propia literatura francesa tras codirixir co profesor Marc Gontard unha tese doutoral sobre o poeta Guillevic e a súa Bretaña realizada pola investigadora María Lopo, autora que colaboraría, ademais, cos profesores e escritores Herve ar Bihan, Alan Botrel e Gwendal Denez na tradución ao bretón do meu libro Muioc'h kalz eget mil bloaz / Moito máis que mil anos, que por suposto non esquecerei en moito máis que mil anos.
*
EXILIO
Nós viñemos
porque nin o noso amor
puido facer que eles volvesen.
(“Viaxes contigo”, de Viaxes a ti)
E é dende logo o meu territorio ético a memoria das vítimas do fascismo, da que son fillo, sobre a que son investigador e na que me sinto irmán das fillas e dos fillos do exilio, exemplar reduto da dignidade republicana co que me honra colaborar e seguir colaborando en tantas actividades resistentes promovidas en Bretaña por descendentes de exiliados, como o pintor Mariano Otero, a historiadora Gabrielle Garcia e o Centro Cultural Español de Rennes. Porque eu penso, convertendo en ecuación a dicotomía do poeta Cernuda, que a realidade é o desexo e que a utopía non é máis que o futuro prematuro, como expuxen no poema “Paz para sempre”:
Porque como aquelas vítimas
queremos liberdade para sempre.
Porque por aquelas vítimas
para sempre quereremos xustiza.
(“Paz para sempre”, Ámote vermella)
*
Antes de finalizar, quero tamén manifestar a honra que sinto ao compartir esta cerimonia co eminente biólogo e prestixioso profesor Viña Ribes, pois a bioloxía foi ademais unha das vocacións imaxinarias da miña mocidade ata o punto de deixar pegada na miña poesía, como ocorre na composición “Nostalxia”:
Xuntámonos
porque temos nostalxia
da primeira célula.
(“Nostalxia”, de Unha tempada no paraíso)
E non teño palabras para expresar a honra que me embarga ao compartir este recoñecemento co admirable poeta e ensaísta Adonis, de cuxa obra Singulares podo dicir con orgullo que unha tradución da mesma foi publicada na miña Galicia natal. Dous dos versos desta obra poderían cifrar a miña poética ideal: “dilátanse as miñas significacións / e asasínanme os límites”. Polo demais, eu, que me sinto debedor de Rimbaud e do surrealismo como poeta e que son estudoso do sufismo a través de Valente e da erótica hispánica, nunca agradecerei bastante a sincrética fusión de ambos na disolución do absoluto e do oculto que conseguiu Adonis no seu lúcido ensaio sobre Sufismo e surrealismo.
E agora quero acabar co poema titulado “Rennes”, que lerei nas catro linguas que aquí me convocan: o galego, o castelán, o francés e o bretón.
Laboratorio do amor.
(Onde non hai amor
senón probas de amor.)
(“Viaxes contigo”, de Viaxes a ti)
Laboratorio del amor.
(Donde no hay amor
sino pruebas de amor.)
(Tradución do autor)
Laboratoire de l’amour.
(Où il n’y a pas d’amour
mais des preuves d’amour.)
(Tradución de María Lopo e Annick Boilève-Guerlet)
Labourva ar garantez.
(Lec'h n'eus ket a garantez
prouennoù karantez avat.)
(Tradución de Gwendal Denez)
Grazas Roazhon,
gracias Rennes,
merci Rennes,
trugarez Roazhon!
C.R.F.