Xunta e Fundación Telefónica dixitalizan máis de 8.000 documentos do fondo de Isaac Díaz Pardo

O obxecto deste convenio é a dixitalización de diferentes obras do fondo depositado por Isaac Díaz Pardo no Gaiás para a súa preservación, posta en valor e difusión. Neste fondo atopanse as obras das coleccións Camilo Díaz Baliño (escritor, artista gráfico e intelectual galego) e Manuel Chamoso Lamas, insigne arqueólogo e escritor tamén de orixe galega. Deste xeito, levarase a cabo o tratamento de 8.600 imaxes das citadas coleccións, que serán obxecto de dixitalización, de acordo cos termos recollidos convenio.
Entre os documentos que se dixitalizarán, hai numerosa correspondencia privada, telegramas, fotografías, escenografías, debuxos, pergamiños, deseños de carrozas, carteis, pinturas e mesmo textos adicados. Atópanse tamén moitos documentos da Guerra Civil, como folletos ou discursos. Para garantir a súa calidade, tódolos os documentos dixitalizaranse a 24 bits de cor e unha resolución mínima de 400 pp.
A través deste acordo sistematizarase a xestión das coleccións, facilitando o acceso e tratamento da documentación; facilitaranse moito as consultas e acceso á información; e crearanse copias dos documentos para a súa manipulación. Asemade, desenvolverase a normativa internacional recomendada para a interoperabilidade entre repositorios dixitais o que permitirá a participación da Biblioteca de Galicia en proxectos europeos, así como a consulta online dos materiais de dominio público, non suxeitos a dereitos ou cos dereitos debidamente xestionados.
Valiosa colección documental
O material reunido de Camilo Díaz Baliño polo seu fillo, Isaac Díaz Pardo é dunha riqueza documental valiosísima, conta con 200 fotografías, unha pequena biblioteca persoal, 100 cartas, debuxos e relatos orixinais, 10 albumes elaborados por Camilo Díaz que recollen toda a súa actividade profesional en América como escenógrafo e documentos persoais.
Dos máis de 8.000 documentos que se van a dixitalizar a través deste convenio con Telefónica, o máis salientable son os debuxos, como a colección de debuxos feitos por Camilo Díaz na cadea, onde hai retratos feitos aos seus compañeiros de prisión e mesmo un debuxo premonitorio do seu futuro pasamento. Tamén figuran debuxos do proxecto de decoración para o teatro Cervantes de Vilagarcía, un proxecto dun tapiz pintado para unha Cámara de Comercio ou debuxos das carrozas para festas.
Doutra banda, respecto ao fondo hai correspondencia orixinal - cartas, cablegramas, telegramas - dirixida a Camilo Díaz de persoeiros como Castelao, Manuel Abelenda, Ramón Beade, Leandro e Eugenio Carré, Santiago Casares, Carlos Maside, Antonio Palacios, Vicente Risco, Bouza Brey, Francisco Asorey, Paz Andrade, Vicente Risco, entre outros; das Irmandades da Fala, do Centro Galego de Bos Aires así como outras entidades, relacionada tanto con asuntos persoais coma laborais. Tamén atópanse cartas escritas por Camilo Díaz Baliño a Ricardo Camino, Francisco Lloréns, Crestar, López Campos, Antonio Palacios, Amalio Taboada entre outros.
Tamén aparecen fotografías familiares e de amizades; carteis; diversa documentación relacionada coa escenografía como imaxes, folletos, fotografías de escenas e de representacións; escritos de colaboracións en prensa; os albumes que o propio Camilo compoñía a través de referencias nos xornais como o “Álbum da coral Ruada” e o “Álbum Ultreya” entre outros. Asemade, tamén hai documentación de interese artístico como os libros coa capa debuxada por Camilo Díaz de diversas novelas, guías ou outras obras.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia