A Uned Senior de Xestoso homenaxe á escritora Marica Campo
As persoas que formamos parte da Uned Senior de Xestoso celebramos, hoxe, en Paderne, no restaurante "A Gurita", a festa das Letras Galegas. Foi un acto moi entrañable e emotivo. Houbo recitais de poesía por parte de varios membros da Uned. Unha semblanza do autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, este ano 2012. Tamén se leu un texto moi interesante en defensa da nosa identidade como galegos, "O orgullo de ser galegos", que era o noso lema.Pero, a parte central do acto foi a conferencia da gran escritora Marica Campo, con quen tivemos a sorte de contar. Ela foi desgranando como, a través da historia, aos galegos e ao galego se nos desprestixiou, en moitas ocasións, mesmo por parte de afamados escritores da literatura española. Todo isto fixo, entre outras cousas, que nos sintamos inferiores que os demais, e que algunhas persoas se avergoncen da súa cultura e da súa lingua. E este problema non só afectou á nosa cultura, senón tamén a economía e ao desenvolvemento do noso país.
Gracias a Marica e a outras persoas coma ela imos recuperando a nosa identidade como galegos, mellorando a nosa autoestima e mirando cara o futuro, en solidariedade con todas as demais persoas do mundo.
Unha das persoas que participou no recital fíxoo en homenaxe a Marica, e pediu que se lle dedique o Día das Letras Galegas xa, sen esperar a que faleza. E todos os demais subscribimos esa petición.
Uned Senior de Xestoso


