A figuración fotográfica e a plasticidade da pintura únense na obra de Iago Eireos

Na inauguración da exposición interviñeron, ademais do autor, o poeta Miguel Ángel Curiel, tamén prologuista do catálogo da exposición, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez. Eiros falou brevemente do seu traballo de experimentación plástica, que, dixo, dálle un selo propio e unha forma determinada de escribir e narrar na súa obra, que neste caso concreto e con ocasión do 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro fai referencia á súa obra poética e en especial á súa "Negra Sombra", dende unha visión moi persoal.
Curiel viu pintadas nas obra de Eireos a néboa e sombras en "un expresionismo abstracto que se forxa nunha luz que non pretende iluminar senón proxectar a espiritualidade da imaxe" e "deconstruir a imaxe ata a levar ao máximo silencio de si mesma". "Iago Eireos atrévese a entrever a atmosfera dunha metafísica oral, coas súas imaxes constrúe o silencio dunha narración. Non se revela esta vez a imaxe para ser vista, senón para que remate disolta na alma ou espírito de cada un, na sombra de cada un", aprecia.
"´Umbra Bruna´ é tamén auga onde se disolven os rostros, e a materia vivificada, unha arte moi líquida ligada ás capas da memoria (os espectros imaxinados como manchas de humidade nunha parede ou nun muro vital). Ás veces unha follaxe moi densa de imaxes atravesadas pola luz cenital do mundo. Outras veces a transparencia superponse ao invisible", sinala Curiel.
Pola súa banda, Jiménez destacou que Eireos é un artista novo pero cunha frutífera traxectoria creadora, en cuxas obras se fusionan diversas linguaxes plásticas, o que xera múltiples realidades. "É Iago Eireos un recoñecido, malia a súa xuventude, pintor e fotógrafo, con abundante premios e bolsas, e de entre estas destaco a que recibiu en 2006 da Fundación Antonio Gala de Córdoba. Ese mesmo ano gañou o primeiro premio GZ crea 2006, certame galego de novos creadores, na modalidade de fotografía. A obra titulábase ´Umbra Alba´, e era unha fotografía de sombras de figuras proxectadas sobre o pavimento dunha beirarrúa, da que explicou que era un xogo coa luz que a determinada hora do día creaba unha textura plástica no espazo que se vía ante a súa ventá en Romanía mentres estudaba cunha bolsa Erasmus", expuxo.
Así pois, observou, "o tema da sombra é alongado na obra de Iago Eireos, quen valéndose da conxunción de dúas artes, a fotografía e a pintura, é capaz coas súas sombras de sacar á luz a poesía oculta das cousas, esa espiritualidade que habitualmente escapa á superficialidade das nosas miradas".
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia