Gadis edita 30.000 exemplares de "Formigas" e destaca a Paz-Andrade nas bolsas da compra no 50º do Día das Letras Galegas

“Formigas”, escrita por Tucho Calvo e ilustrada por Juan Carlos Abraldes, ambiéntase nunha lúgubre aldea illada nun val que un día viviu o esplendor da época das minas de wolfram, onde ten lugar un sórdido parricidio. As indagacións dun xornalista descobren misterios e intrigas que atrapan a tódolos habitantes silenciosa e implacablemente, o que permite manter a curiosidade do lector ata o final.
Supermercados Gadis, que forma parte de GADISA, amosa o seu compromiso cos escritores en Lingua Galega regalando por 10º ano consecutivo unha obra en tódolos seus establecementos de Galicia. Na última década repartiu gratuitamente, en total, 175.000 libros de estilos moi variados e dirixidos a diferentes públicos: infantil, xuvenil e adulto.
Asimesmo, a empresa de distribución achegará a miles de fogares en Galicia unha pequena representación da obra e da figura do autor homenaxeado no 50 aniversario da institución do 17 de maio como Día das Letras Galegas: Valentín Paz-Andrade.
Máis de 2 millóns de bolsas da compra convertiranse nun soporte cultural ó levar impresa unha imaxe de Valentín Paz Andrade e o seguinte texto firmado polo autor:
O porvir da lingua: “A imaxe do que unha lingua foi ou deixou de ser no percurso das edás, non se debera interpor na comprensión do seu destiño”
GADIS sumouse tamén este ano ás celebracións promovidas pola Real Academia Galega, copatrocinando un libro que repasa o medio século de historia das Letras Galegas, a través de tódolos autores homenaxeados nas diferentes edicións, dende Rosalía de Castro ata Valentín Paz-Andrade. A obra é unha mistura de estilos, épocas e escritores, de séculos pasados e contemporáneos, que xunta o máis representativo da Literatura en Lingua Galega.
A estas iniciativas culturais que GADIS pon en marcha de forma puntual ó fío das Letras Galegas, súmanse outras que desenrola ó longo do ano, que se enmarcan no seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, con máis de 800 accións anuais de índole cultural, social e deportivo, de carácter solidario e medioambiental.
Gabinete de Comunicación de Gadisa