Sonia Méndez estrea a curtametraxe "Conversa cunha muller morta"

En referencia á convocatoria de axudas ao sector audiovisual prevista para 2012, o director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, avanzou a previsión de que unha primeira parte sexa publicada durante o mes de marzo, incidindo ademais en que a prioridade é “o mantemento do tecido produtivo e a preservación na medida do posible dos postos de traballo do sector”.
Fasero participou hoxe na presentación aos medios deste pase, que contou asemade coas intervencións de Blanca Cendán, directora do Centro Dramático Galego (CDG) e do Salón Teatro, e Sonia Méndez. As entradas para a estrea son gratuítas, previo paso polo despacho de billetes do teatro, que estará aberto desde as 18.30 h e onde se poderá retirar un máximo de dúas localidades por persoa.
A voz das vítimas
Gravada en versión orixinal galega, Conversa cunha muller morta aborda o drama da violencia de xénero desde unha perspectiva estética máis próxima ao cine poético-narrativo que ao social, dándolles voz ás súas vítimas a través da súa protagonista: Elena, unha muller asasinada polo seu home que regresa ao mundo dos vivos para enfrontarse ao seu verdugo e buscar explicación ao inexplicable.
Luís, o asasino, acaba de saír do cárcere despois de cumprir 15 anos de condena e, de volta na casa que compartía con Elena, esta aparéceselle para lle ofrecer unha oportunidade de salvación: no “máis alá” a xustiza dos humanos non será suficiente, a non ser que lle dea un motivo polo cal cometeu o crime.
Como explica a súa directora, Conversa cunha muller morta quere ser unha homenaxe a “todas as mulleres que sufriron e sofren a violencia de xénero” e un modo de lles “dar voz ás que xa non poderán contarnos a súa historia”. Nas súas nota de dirección, Sonia Méndez especifica que, neste sentido, o guión partiu do intento de responder unha única cuestión que, á súa vez, deu pé a outras moitas preguntas: “Que sucedería se unha vítima mortal por violencia de xénero puidese ‘volver’ e ter unha conversa co seu asasino e parella no pasado?”. Así, e sempre desde a premisa de abordar esta temática co máximo coidado, a realizadora procurou un marco ficcional “respectuoso, directo e efectivo” que pon o foco sobre esta conversa vítima-verdugo e non sobre a visualización do crime ou da violencia pasada.
Xunto con Luís Zahera e Camila Bossa, grandes coñecidos do público galego e español polos seus numerosos traballos en televisión e cine, Sonia Méndez contou tamén no seu equipo de traballo con Nati Juncal na produción executiva, Óscar Chamorro na dirección de fotografía, Isabel Tristán na dirección de arte, e Orphan Tracks –plataforma de composición musical para cine integrada por Manuel Sanz e Óscar Chamorro– na banda sonora orixinal, entre outras achegas artísticas e técnicas. Villa Honora, no municipio pontevedrés da Lama, e a praza da Independencia de Vigo foron as localizacións nas que se desenvolveu a rodaxe.
Filmografía
Esta é cuarta curta asinada por Sonia Méndez (Vigo, 1980), directora e actriz de teatro, cine e televisión, que nestes momentos traballa no desenvolvemento da súa primeira longametraxe coa produtora Xamalú Films, ademais de ser creadora, guionista e intérprete da serie en liña Angélica e Roberta, xunto a Sandra Lesta. Na súa filmografía como directora figuran tamén as curtametraxes Perversa Lola (2008), Leo e Mario [déixanse] (2010) e As damas negras (2010), premio na categoría EOS Movies do Kaohsiung Film Festival de Taiwan.
Como actriz, deuse a coñecer en 2001 polo seu papel na serie da TVG Terras de Miranda, á que logo seguiron outras como Os Atlánticos. Durante este tempo participou tamén nas longas Rafael de Xavier Bermúdez, Unha muller invisible de Gerardo Herrero, Por min e por tódolos meus compañeiros de Judas Diz ou El sexo de los ángeles de Xavier Villaverde, entre outras. Cunha ampla formación multidisciplinar no ámbito teatral e audiovisual, actualmente traballa como docente en Espazo Aberto, onde imparte o curso anual para actores "Interpretación diante da cámara".
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia