Preséntase o catálogo Shorts from Galicia 2012 no Festival Clermont-Ferrand

No marco do evento, o Consorcio aproveitará para presentar o catálogo “Shorts from Galicia 2012”, unha compilación de sete curtametraxes galegas producidas nos últimos dous anos e seleccionadas coa colaboración dos tres festivais de curtas máis relevantes de Galicia (Festival de Cans, Curtocircuíto e FicBueu), nos que estas obras resultaron gañadoras e/ou finalistas.
As curtametraxes que compoñen o catálogo son Radiografía dun autor de tebeos (de Marcos Nine); Amistad (de Alejandro Marzoa); Gato encerrado (de Peque Varela); Birdboy (de Pedro Rivero e Alberto Vázquez); Estereoscopía (de Xacio Baño); Vicenta (de Sam Orti) e ¿De qué se ríen las hienas? (de Javier Veiga). Entre elas acumulan un total de 86 premios e unha traxectoria de preto de 260 seleccións en diversos certames, destacando a recente candidatura de Birdboy para os Goya deste ano na categoría de mellor curtametraxe de animación.
Esta publicación supón unha escolma representativa do traballo que se está a facer na nosa comunidade a nivel de pequeno formato nos seus diferentes xéneros (ficción, animación e documental). Consta dun DVD coas sete producións en versión orixinal e subtítulos dispoñibles en inglés e castelán, así como as fichas técnico-artísticas das curtametraxes e as biofilmografías dos directores nos dous idiomas. Para a súa promoción, o catálogo distribuirase nos festivais e mercados de referencia de todo o mundo nos que participa o Consorcio Audiovisual de Galicia, institucións involucradas na comercialización, programadores cinematográficos, así como televisións, organismos e profesionais relacionados co mundo da curtametraxe. Ademais, habilitarase unha versión dixital na nova web do organismo que será presentada proximamente.
A través desta iniciativa, a Consellería contribúe á difusión dun formato, o da curtametraxe, que non chega de forma sinxela ao público, ao non ter un acceso habitual ás canles de distribución e exhibición comercial.
Escaparate para o audiovisual galego
O Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, certame que se vén celebrando con grande éxito de convocatoria e público dende hai máis de 30 anos na cidade francesa do mesmo nome, é o máis prestixioso a nivel europeo e un dos principais do mundo no seu xénero. Para esta edición, o festival contará con máis de sete mil filmes de 120 países, para os que o mercado supón un enorme expositor, ao reunir aos principais distribuidores, programadores e compradores de toda Europa.
Auxe da animación galega
A animación producida na nosa Comunidade está a consolidar a súa calidade, acadando este ano importantes recoñecementos tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Mostra disto é que, ademais da candidatura aos Goya de Birdboy, codirixido polo coruñés Alberto Vázquez e incluído no catálogo Shorts from Galicia 2012, outras dúas cintas de animación galega aspiran a figurar no máis alto do palmarés nacional e internacional: The little Wizard.O mago Dubidoso (do tudense Roque Cameselle, producida por Deboura Cinema) tamén é candidata ao premio Goya 2012, neste caso como mellor longametraxe de animación, mentres que o filme Arrugas (de Ignacio Ferreras, producida pola coruñesa Perro Verde Films), que competirá polo mesmo galardón, conta ademais coa candidatura ao Goya polo mellor guión adaptado (de Ángel de la Cruz) e está preseleccionada para os Oscars da Academia de Hollywood como mellor película de animación.
Por outra banda, o filme Meine Libe, codirixido pola coruñesa Laura Pousa e Ricardo Steinberg, tamén opta ao galardón dos Goya na categoría de mellor curtametraxe de ficción. No resto das producións, outro galego, Luis Tosar, aspira a acadar o seu cuarto premio Goya polo papel protagonista en Mientras Duermes (producida pola empresa Filmax, do galego Julio Fernández). Así mesmo, Galicia tamén estará representada nas localizacións dun dos filmes favoritos para os Goya deste ano, La piel que habito (de Pedro Almodóvar), rodada en parte no Pazo de Oca e en Santiago de Compostela.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia