Arranca o 2012 no Salón Teatro de Compostela con cine e artes escénicas

A ocupación do Salón Teatro, que non se limita aos días de apertura aos espectadores xa que distintas formacións realizarán xornadas de residencia artística e técnica no seu escenario, iniciarase cara ao público o 13 de xaneiro coa estrea de Tokio3, a última produción de Voadora. Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos; José Díaz, Borja Fernández, Uxía P. Vaello, Hugo Torres, Sergio Zearreta e a propis Pazos interpretan esta nova proposta, a terceira na traxectoria da compañía despois de PeriFeira e Super8.
Versión galega de Pa Negre
Tokio3 estará dous días (13 e 14 de xaneiro) no Salón Teatro, para ceder despois a quenda a outras dúas xornadas de proxección (16 e 17) da versión en galego de Pa Negre, a película de Agustí Villaronga vencedora dos Premios Goya 2011 e candidata española ao Oscar 2012 ao mellor filme de fala non inglesa.
A continuación (venres 20 e sábado 21), Teatro Galileo porá en escena Sempre quixen bailar un tango, espectáculo realizado a partir da obra de Teresa González Costa galardoada co Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2008, no que Pedro Rubín dirixe a un elenco integrado por Fernando Morán, Isabel Blanco, Ana Santos e Tanas.
O venres 27 de xaneiro o Salón Teatro acollerá a gala dos premios Galicia Calidade que organiza cada ano Turgalicia.
Dobre presenza de Talía Teatro
Xusto despois, Talía instalarase por dúas semanas no espazo do CDG para ofrecer catro funcións de dous dos seus últimos espectáculos. Así, o sábado 28 e o domingo 29 de xaneiro a compañía de Cee representará Pelos na lingua (de Avelino González, Sechu Sende, María Ordóñez e Artur Trillo con dirección de Avelino González e interpretación a cargo de María Ordóñez, Toño Casais e Artur Trillo); en tanto que o venres 3 e o sábado 4 de febreiro actuará con Volpone (de Ben Johson con dramaturxia e dirección de Roberto Salgueiro e interpretación de Artur Trillo, Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Ríos, Diego Rey, Gustavo G. Dieste, David Creus e Rubén Prieto).
O cinema volverá a ocupar o Salón Teatro o mércores 8 coa proxección da curtametraxe titulada Conversas cunha muller morta, de Sonia Méndez, en tanto que a escena máis innovadora será a protagonista nas seguintes funcións previstas, as que se corresponden co espectáculo de danza contemporánea dirixido e creado por Ana Vallés Usted está aquí, a cargo de Licenciada Sotelo e Compañía (10 e 11 de febreiro); e coa montaxe de Inversa Teatro Paper Dolls. O silencio das damas, que interpretan Vanesa Sotelo e Marta Pérez baixo a dirección de Lola Correa (18 e 19 de febreiro).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia