Menhai, La Familia, Jane Joyd, A. Benthley e A. Boba, en "Cancións por regalos"

Mehnai, La Familia, Jane Joyd, Alondra Bentley e Abraham Boba serán os protagonistas da segunda edición de “Cancións por regalos”, iniciativa que se celebrou o ano pasado durante a programación do Xacobeo 2010 e que contou cunha excepcional acollida por parte do público. As bandas que participantes ofrecerán un repertorio adaptado a un formato acústico e dirixido a un público familiar.
A través desta actividade, os asistentes gozarán dalgunhas das mellores bandas de indie-pop do momento como os galegos La Familia e a súa viaxe ao son dos 60; ou Jane Joyd, o proxecto musical da coruñesa Elba Fernández, situado na onda do novo folk americano. A lista complétase con Menhani e a súa mistura de calidez e melodía nunha voz prometedora con temas evocadores dun pop máis internacional; Alondra Benthley, unha ‘songwriter’ perdida nalgún lugar entre o pop e o folk; e Abraham Boba, coñecido ultimamente por acompañar a Nacho Vegas e que trae ata o Gaiás un universo musical propio pero nun formato máis eléctrico que nunca.
“Cancións por regalos” enmárcase dentro da programación que a Cidade da Cultura deseñou especialmente para pasar este Nadal en familia no Gaiás e que concluirá este mércores 4 de xaneiro coas dúas últimas “Visitas Máxicas ao Museo”, que terán lugar ás 12 e ás 18 horas e para as que xa non hai prazas. O programa especial contou tamén con obradoiros de “Xoguetes Sonoros”, no que os nenos aprenderon a confeccionar e tocar instrumentos musicais tradicionais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia