A ópera Dido e Eneas pecha o ciclo Galicia Classics promovido pola Xunta de Galicia no Ano da Música 2011

A actuación de Cantabile, un dos máis prestixiosos coros xuvenís de España, súmase ás que ao longo de todo 2011 ofreceron artistas de primeira fila internacional como Daniel Barenboim, Mischa Maisky, Elina Garanca, John Eliot Gardiner, Georges Prêtre, Thomas Hampson, Philippe Jaroussky ou Esa-Peka Salonen, entre outros, nas sete principais cidades galegas. ‘Galicia Classics’ acolleu, ademais, dentro dos seus ciclos ‘Made in Galicia’ e ‘En Xira’, espectáculos e concertos como a ‘Opera dos tres reás’, en colaboración co Centro Dramático Galego, o XIV Ciclo da Asociación Galega de Compositores, con máis de vinte estreas de autores galegos, "O Soño dourado", dedicado á figura de Cunqueiro no seu aniversario, e unha homenaxe á canción culta galega que protagonizaron a soprano Carmen Durán e o director Maximino Zumalave.
Despois da representación en Vigo con grande éxito, o pasado 18 de decembro, Cantábile ofrecerá mañá unha última función, agora na Coruña, de ‘Dido e Eneas’, a obra que Henry Purcell (1659-1695) estreou nun internado para señoritas de Chelsea, e foi o primeiro fito da ópera nacional inglés. O seu libreto débese ao dramaturgo Nahum Tate (1652-1715) e está baseado na ‘Eneida’ de Virgilio. A ópera conta a historia de amor de Dido, raíña de Cartago, e Eneas, heroe troiano. Só hai catro papeis principais e unha gran profusión de danzas e coros. Nesta ocasión, os roles de Dido e Eneas recaen en membros da propia Cantábile, Alberto Miguélez como alto e David González como barítono, respectivamente, dúas novas promesas do canto en Galicia.
É a primeira vez que Cantabile ten a oportunidade de realizar unha produción operística propia. "Trátase dunha proposta na que músicos, coro, cantantes, bailarins e directores saíron de conservatorios e centros de formación galegos", explica Pablo Méndez, responsable da agrupación. "Nunca antes unha formación deste tipo afrontara un proxecto de tal envergadura en Galicia e esperamos que sexa o primeiro de moitos outros destas características", engade. As entradas para a representación de mañá na Coruña xa están esgotadas.
Cantabile tratou de respectar ao máximo a música orixinal de Purcell, pero engadíronse algúns números do mesmo autor, "unha práctica moi estendida no barroco", segundo explica Méndez. A orquestra está integrada por instrumentos de época e "como parte do labor educativo e de formación de canteira vocal de Cantabile, algúns papeis dividíronse en máis dun intérprete para así poder ofrecer o reto de interpretar un rol solista a un maior número de cantores, o cal se fixo co máximo respecto á obra de Purcell". Cantabile xa participara o ano pasado no Xacobeo Classics coa estrea de ‘Parsifal’ en Galicia, xunto á Royal Philharmonic de Liverpool baixo a batuta de Vasily Petrenko.
Vinte e tres estreas de autores galegos en 2011
Ao longo de 2011, o Galicia Classics ofreceu máis de vinte estreas doutros tantos compositores galegos, mentres se publicaron dous cedés cunha boa parte das obras ofrecidas en primicia en 2010 no precedente deste festival, o Xacobeo Classics.
Dentro do seu apartado titulado ‘En Xira’, o Classics programou concertos conxuntamente coa Asociación Galega de Compositores, que arrancaron o 22 de marzo no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol. Nesta citas participaron o Quinteto de metais ’Santa Cecilia’, Quinteto de vento ‘Pentafonía’, Cuarteto de cordas ‘Ginastera’, Orquestra e Coro Gaos e o pianista Antonio Queija Uz. Programáronse obras de autores de hoxe como Manuel Alejandre, Gabriel Bussi, Yerko Ivànovic, Antonio Peña, Joám Trillo, Xavier Comesanha, Ermitas García Ríos, Iván Rodríguez Armán, Gloria Rodríguez Gil e Xoán Antón Vázquez Casas, entre outros, ademais de autores galegos históricos como Marcial do Adaíl, Andrés Gaos, Juan Montes e Sebastián Canuto Berea. En total ofrecéronse vinte e tres estreas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia