O documental "Tralas luces" proxéctase na Master Class Augal 2011-2012

Realizado por Sandra Sánchez, ‘Tralas luces’ é a singular achega a unha familia de ambulantes que levan o seu espectáculo de coches de choque polas festas do Noroeste, centrándose na matriarca da familia. O filme participou na prestixiosa sección Zabaltegui da pasada edición do Festival de Cine de Donosti.
Promovido en colaboración co Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade e coordinado polos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, cos profesores Jorge Lens e Carlos Soutelo na elaboración do catálogo fotográfico, AUGAL 2011-2012 acóllese igualmente á vontade do Consorcio Audiovisual de Galicia de contribuír á difusión do audiovisual propio entre quen aspira a integrarse no futuro no sector, e ao tempo fai de Pontevedra e da súa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, un referente que se vai consolidando ano a ano.
O programa da presente edición complétase cos documentais: ‘Digna rabia e Banaras me’; a ficción ‘Crebinsky’; as animacións: ‘Arrugas’ e a curta ‘Gato encerrado’; a obra experimental ‘Cousas de Kulechov’ e a videocreación ‘Os fabulosos irmáns da luz’. A inscrición é gratuíta e está aberta a alumnos da facultade e interesados en xeral na materia audiovisual.
Fernanda del Nido
Despois de graduarse como licenciada en Ciencias da Comunicación na Universidade de Bos Aires (Arxentina), trasládase a España, onde afonda nos seus estudos ao realizar un posgrao, o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) e o doutoramento Linguaxe, Ciencia e Antropoloxía na Universidade da Coruña. No ano 2008 gradúase no programa de formación para produtores independentes europeos EAVE (European Audiovisual Entrepreneurs).
No 2006 Fernanda del Nido funda Tic Tac Producciones, S.L., unha produtora galega independente que ten como obxectivo desenvolver e producir longametraxes, especialmente coproducións entre Latinoamérica e Europa.
Entre as súas producións e coproducións cómpre destacar, entre outras: Que culpa tiene el tomate (varios, 2009), Agua fría de mar (Paz Fábrega, 2009), 18 comidas (Jorge Coira, 2010), Tralas luces (Sandra Sánchez, 2011) e Polvo (Julio Hernández Cordón, 2011).
Sandra Sánchez
Estudia realización audiovisual e desde 1991 compaxina o seu traballo como directora/realizadora co de montadora, cun especial interese polo xénero documental.
Tralas luces é a súa primeira longametraxe, aínda que anteriormente xa dirixira documentais como Sueños desde el abismo (2006) e Aguiño, sobrevivir ao Prestige (2003), este último emitido en varios canais internacionais. Tamén foi responsable da dirección das series documentais Moito mar (2001) e 112 rescate (2002) e da serie de ficción Rías baixas (2003-2004), todas elas para a TVG.
A súa traxectoria como montadora é moi extensa. Cómpre mencionar as películas de ficción Rafael (Xavier Bermúdez, 2008), Doentes (Gustavo Balza, 2010); os documentais Vidas virtuales (Manane Rodríguez, 2011), Isaac (Xosé Abad, 2007) e series de televisión como Maridos e mulleres (2005), A casa de 1906 (2006), Rías baixas (2003-2004) ou Pequeno hotel (2002), entre outras producións.
Actualmente atópase traballando na fase de desenvolvemento da súa segunda longametraxe documental, Matavenero (rodaxe prevista para o período 2011-2012).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia