O dramaturgo Marcos Abalde gaña o XX Premio Álvaro Cunqueiro coa obra poética "A cegueira"

O profesor da Universidade de Santiago de Compostela Anxo Abuín, como presidente do xurado, e os dous galardoados interviñeron, así mesmo, no acto de comunicación e entrega destes premios, que implican en ambos casos unha dotación económica de 6.000 euros, ademais de contemplar a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro da colección Biblioteca Dramática Galega, que a Agadic coedita con Edicións Xerais de Galicia.
Gran calidade literaria
Nesta vixésima edición do Álvaro Cunqueiro, consolidado como o galardón de referencia para a dramaturxia en galego, o premio recaeu no vigués Marcos Abalde, un novo autor dramático que en A cegueira realiza unha “aposta arriscada a favor dun teatro poético, de gran calidade literaria, que entronca coa tradición do grotesco, da crueldade, tan frutífera na escena galega e europea”.
Estas foron algunhas das características salientadas hoxe por Anxo Abuín en nome do xurado que presidiu e do que tamén formaron parte o dramaturgo Raúl Dans, anterior gañador do Álvaro Cunqueiro; a directora teatral Cristina Domínguez; a directora e actriz da compañía Palimoco, Paloma Lugilde; o profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Roberto Pascual; e o autor Inacio Vilariño, gañador o ano pasado do Barriga Verde na categoría de teatro para rapaces.
Segundo explica o seu propio autor, A cegueira presenta un “territorio devastado pola guerra”, onde os personaxes participan nunha “cerimonia do horror” e a barbarie sementa unha historia de humillacións dun pobo que está a ser exterminado.
Visión transgresora
Para o tribunal, o texto destaca por ofrecer unha visión persoal e novidosa, mesmo “transgresora”, no actual panorama dramatúrxico, xa que “concibe a creación teatral dende o punto de vista do mito e do absurdo da existencia humana”. O xurado abonda igualmente no desafío que a obra de Abalde supón para a posta en escena polo seu “carácter aberto e imaxinativo, non oposto á súa viabilidade escénica”.
Como autor dramático, Marcos Abalde Cobelo (Vigo, 1982) tamén ten no seu haber o IV Premio Josep Robernyo, convocado pola Associació d’Investigació i Experimentació Teatral de Cataluña, co que foi recoñecido en 2008 por Canibalismo. Despois de ser publicado en 2010 pola editora Estaleiro, este mesmo texto resultou finalista dos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Conta, ademais, con tres textos teatrais publicados na revista Casahamlet –Eugenesia, Liturgia de Jerusalem e Welcome to Lampedusa– e este mesmo ano obtivo o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo.
Con este XX Álvaro Cunqueiro, ao que optaban un total de 23 textos, Abalde pasa a integrar a destacada nómina de autores galegos que conseguiron este recoñecemento, dotándoo ao tempo dunha traxectoria de prestixio: Raúl Dans (2010 e 1994), Manuel Lourenzo (2009), Teresa González Costa (2008), Roberto Salgueiro (2007, 2002, 2000 e 1998), Manuel Guede (2006), Rubén Ruibal (2005), Antón Lopo (2004), Siro López (2003), Afonso Becerra de Becerreá (2001), Manoel Riveiro (1993), Andrés A. Vila e Xosé Cid Cabido (1992), Roberto Vidal Bolaño (1991), Agustín Magán (1990) e Euloxio R. Ruibal (1989).
Oficio teatral
Pola súa banda, Paula Carballeira álzase por segunda vez co Manuel María de literatura dramática infantil, que xa obtivo en 2006 na que foi a primeira convocatoria do galardón. Lidos os 17 textos que se presentaron este ano, o xurado acordou conceder o premio a O refugallo, texto do que destaca o “coñecemento que demostra do oficio teatral” e, en especial, a súa xenerosidade con oficios da posta en escena como a escenografía ou a dirección escénica. O tribunal engade na súa valoración o acerto da autora á hora de conxuntar a diversión co didactismo, así como a “presenza de valores útiles para a reflexión crítica sobre a sociedade de consumo”.
No refugallo, canda as cousas que ninguén quere, viven Isolda, Hipatia, Borboronte e Lustucrú, os catro cativos protagonistas desta historia. A súa autora adianta que se trata dunha obra sobre a “capacidade de fabulación que nos fai transformar a realidade, recreala e reinventala, coma o mesmo teatro”: “Os catro [personaxes] xogan xuntos a crear un mundo novo a partir do mundo vello e roto da súa contorna, porque son nenas e nenos, e saben ver as cousas doutra maneira”, afirma.
Paula Carballeira (Fene, 1972) dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral dende o ano 1994 e é autora dunha vintena de títulos de literatura infantil e xuvenil, como Boas noites (Premio Manuel María 2006, coeditado por Xerais e Agadic), A casa redonda (Baía, 2008), O lobishome de Candeán (Galaxia, 2009) ou As outras historias (Galaxia, 2011), citando só algunhas das súas últimas obras publicadas.
Membro da compañía Berrobambán dende 1996, a súa traxectoria como directora e actriz desenvólvese tamén en proxectos escénicos doutras compañías. Participou como convidada en destacados festivais de narración oral, tanto a nivel estatal como internacional, ademais de traballar como actriz e contadora de contos en diferentes series e espazos da TVG (Apaga a luz, A noite en branco, Pequeno Hotel, O rei da comedia, Rías Baixas, Máxima audiencia, Contando estrelas, Pepe O Inglés e, na actualidade, Libro de familia) e como colaboradora nos programas da Radio Galega Xamón, xamón e A taberna da Galega.
XX PREMIO ÁLVARO CUNQUEIRO PARA TEXTOS TEATRAIS
Obra: A cegueira
Autor: Marcos Abalde Covelo
A obra (apuntamentos do autor)
A cegueira presenta un territorio devastado pola guerra, onde os personaxes participan nunha cerimonia do horror. O Rei Nu atravesa Palestina, olla o rostro das vítimas e vaise afundindo na historia de humillacións dun pobo que está a ser exterminado. Ninguén pode fuxir desta eucaristía. O Rei Nu é traizoado e a cegueira imponse de novo. Marta e María non deixan de cavar. O Padre decreta o vómito sobre a carne humana excentaria. Xudas e Barrabás odian os seus papeis e, con todo, expanden a amnesia do cancro. A xestión da barbarie vira norma sagrada.
O autor
Marcos Abalde Covelo (Vigo, 1982) obtivo en 2008 o XI Premio Josep Robrenyo, convocado pola Associació d’Investigació i Experimentació Teatral (AIET) de Cataluña e aberto ás catro linguas do Estado, pola obra Canibalismo. En 2010, a editora independente Estaleiro publica este texto, que fica finalista dos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Asemade, ten publicado as seguintes pezas na revista Casahamlet: Eugenesia, Liturgia de Jerusalém e Welcome to Lampedusa. En 2011 faise co VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo.
VI PREMIO MANUEL MARÍA DE LITERATURA DRAMÁTICA INFANTIL
Obra: O refugallo
Autora: Paula Carballeira
A obra (apuntamentos da autora)
Isolda ten un libro de viaxes; Hipatia, un telescopio; Borboronte, unha tartaruga (aínda que as tartarugas non se teñen, só están contigo), e Lustucrú, unha pata de pau. Os catro viven no refugallo, co que ninguén quere. Os catro xogan xuntos a crear un mundo novo a partir do mundo vello e roto da súa contorna, porque son nenas e nenos, e saben ver as cousas doutra maneira.
O refugallo trata sobre a capacidade de fabulación que nos fai transformar a realidade, recreala e reinventala, coma o mesmo teatro, que lles dá vida a obxectos e personaxes que ata o momento da representación non existían para o público.
A autora
Paula Carballeira (Fene, 1972), dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral dende o ano 1994 e é autora de numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil en galego, moitos dos cales contan con traducións a idiomas como o castelán, catalán, vasco, inglés, portugués e mesmo coreano: A percura, Robin e a Boa Xente; Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima, Olo-iepu-iepu, Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico, Mateo, Paco (Premio Lecturas 2001), Correo Urxente (Premio Lecturas 2003), O ganso pardo, A era de Lázaro, Contatrás, Smara (premios White Raven e Isaac Díaz Pardo), O lobisome, Boas Noites (Premio Manuel María 2006), A casa redonda, O lobishome de Candeán e As outras historias, entre outros.
Membro da compañía Berrobambán dende 1996, tamén desenvolve a súa traxectoria como directora e actriz noutras compañías, como Centro Dramático Galego (para o que en 2006 dirixiu e interpretou A cabana de Babaiagá), Talía Teatro ou Magrinyana. Paula Carballeira ten participado como convidada en destacados festivais de narración oral, tanto a nivel estatal como internacional, ademais de traballar como actriz e contadora de contos en diferentes series e espazos da TVG (Apaga a luz, A noite en branco, Pequeno Hotel, O rei da comedia, Rías Baixas, Máxima audiencia, Contando estrelas, Pepe O Inglés e, na actualidade, Libro de familia) e como colaboradora nos programas da Radio Galega Xamón, xamón e A taberna da Galega.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia