Pasar al contenido principal
Cultura Galega | Cultura Gallega logo

Enlaces primarios

  • Inicio
  • Galerías de Autores
    • Arquitectura
    • Artesanía
    • Deseño Gráfico
    • Deseño Moda
    • Escultura
    • Esmalte
    • Fotografía
    • Gravado
    • Ilustración
    • Multimedia
    • Pintura
  • Publicacións
  • Concursos
    • Bases
    • Premios
  • Alta de Autor
  • Alta Directorio
  • Contacto

A nova Lei de Bibliotecas de Galicia permite un novo modelo de biblioteca en rede

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello, a aprobación do proxecto de Lei de bibliotecas de Galicia, que renova unha normativa que data de 1989 e que busca un novo modelo de biblioteca “para que poida traballarse en rede e para que poida avanzarse na idea dunha verdadeira biblioteca pública de Galicia dixital”. “Este novo marco lexislativo busca o novo modelo de biblioteca para traballar en rede con todos os libros a disposición dos usuarios, para mellorar permanentemente e para avanzar na idea dunha verdadeira biblioteca única da Comunidade autónoma”, incidiu.

Feijóo lembrou que o Goberno galego leva traballando desde o principio da lexislatura no que se refire ás bibliotecas: “creamos unha dirección xeral do libro; abrimos a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura; elaboramos un censo de bibliotecas e, hoxe, deseñamos unha folla de ruta para a planificación completa, integral de todas as bibliotecas galegas”.

O responsable do Goberno galego subliñou a necesidade de renovar a normativa existente para adaptala ás necesidades actuais, “xa que en 22 anos entendemos que o mundo do libro, o hábito da lectura e as formas de lectura mudaron”; e engadiu que con este novo texto “non só fixamos estándares de calidade que garantan un servizo de calidade e a mellora continua das bibliotecas galegas, establecemos varias pautas para evitar bibliotecas estáticas, para lograr que sexan espazos flexibles e atractivos para un público heteroxéneo”.

Dar resposta ás necesidades actuais e futuras

Ao longo da súa intervención, Feijóo precisou que a normativa establece a organización das bibliotecas a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que diferenciará entre: bibliotecas centrais territoriais, bibliotecas centrais municipais, bibliotecas de proximidade, bibliotecas locais e servizos bibliotecarios móbiles. “É evidente –aseverou- que non todas as bibliotecas son iguais e, polo tanto, non todas teñen as mesmas necesidades”.

A coordinación permanente das bibliotecas é outra das novidades desta lei que contempla a elaboración dun Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia. Este mapa permitirá coñecer a realidade polo miúdo das bibliotecas do territorio, detectar os excesos en determinados puntos xeográficos, os déficits de bibliotecas noutros puntos xeográficos e establecer as necesidades da lectura pública no territorio galego.

Así mesmo, esta lei dá soporte normativo á Biblioteca central -á Biblioteca de Galicia- instalada na Cidade da Cultura. “Esa será –dixo- a biblioteca central, o Centro Superior Bibliográfico de Galicia nun espazo singular, como a Cidade da Cultura, cunha configuración dunha importante colección de fondos e, desde alí, se coordinará todas as
bibliotecas e a política bibliotecaria de Galicia”.

Por último, o texto permite, tamén, a adaptación das bibliotecas ás novas tecnoloxías. “Vamos a insistir no avance da dixitalización das coleccións, de xeito que se garante un uso universal e se preserve todo o material existente para as xeracións vindeiras. Trátase de facilitar servizos de préstamos, de dixitalizar todo o listado de libros que existen en calquera biblioteca pública galega, de poñer a disposición unha única rede de todos os volumes de libros que existen en Galicia e que ninguén poda estar sen un libro como consecuencia de que non estea ben xestionada a rede de bibliotecas públicas de Galicia”.

En definitiva, Feijóo afirmou que se trata dun novo marco lexislativo para que os galegos que accedan a algunha das 456 bibliotecas galegas públicas que actualmente existen atopen espazos de calidade, cunha oferta completa e igualitaria e cun soporte normativo que permita dar resposta ás necesidades actuais e futuras.

Os 14 xeodestinos, o mapa do futuro do turismo en Galicia

O presidente galego avanzou, tamén, a próxima presentación do mapa dos 14 xeodestinos turísticos de Galicia, que supón, segundo sinalou, o mapa do futuro do turismo en Galicia. Feijóo explicou que con este mapa, que foi analizado no Consello da Xunta de hoxe, se afonda nun dos piares da recentemente aprobada Lei de turismo de Galicia, a diversificación da oferta turística galega dentro do destino único e da marca única que é Galicia.

“Queremos que Galicia sexa un destino único pero non uniforme”, salientou o titular do Goberno galego afirmando que a comunidade non pode permitirse o luxo de relegar a un lugar secundario ningunha das múltiples posibilidades que ten o territorio galego. “E temos que coordinar as distintas administracións que operan nun mesmo territorio para que traballen sen duplicidades “, engadiu.

O presidente galego destacou que o primeiro mapa de xeodestinos turísticos de Galicia nace con vocación de permanencia e agrupa distintas características de diferentes territorios galegos que teñen unha determinada especifidade, “para que a suma dos 14 xeodestinos conformen o destino único Galicia”. “Este é o mapa do futuro do turismo en Galicia. Temos un enorme potencial turístico que temos que poñer en valor”, dixo.

Núñez Feijoó subliñou o consenso co que nace o mapa de xeodestinos e explicou que o seu deseño contou coa participación dos concellos galegos a través da Fegamp e da Administración estatal a través de Turespaña. Neste sentido, puxo como exemplo a inclusión da Ribeira Sacra, “que inclúe varios concellos de varias provincias que fomos capaces de poñer de acordo”.

“Trátase dun mapa de 14 xeodestinos onde concretamos a oferta diversificada que ten Galicia e onde queremos ofrecer turismo náutico, turismo urbano, turismo gastronómico, turismo cultural, turismo rural, e turismo termal”, manifestou o titular da Xunta, quen afirmou que Galicia é “un multi destino con capacidade para adaptarnos aos bolsillos de calquera que queira visitarnos”.

Turismo, un sector estratéxico para a economía galega

O presidente da Xunta enmarcou a elaboración deste mapa na aposta do Goberno galego polo turismo, un sector estratéxico, segundo destacou, para a economía da comunidade. Así, Feijóo explicou que o turismo representa o 10% do PIB e o 10% dos empregos da comunidade e lembrou que a mellor noticia económica que tivo Galicia en 2010 foron os 9 millóns e medio de visitantes que recibiu polo ano Xacobeo.

Feijóo enumerou as principais iniciativas da Xunta a prol deste importante sector como a creación dunha marca turística propia, específica e única de Galicia, a aprobación por consenso do Plan de acción do turismo, a posta en marcha de interesantes atractivos turísticos e, por último, a Lei do turismo de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia

Directorio

  • Ensinanza (19)
  • Editoriales (97)
  • Museos (122)
  • Salas Exposición (127)
  • Artesanía (554)
    • cerámicas (108)
    • coiro (46)
    • gráficas (12)
    • metal (82)
    • pedra (40)
    • vidro (30)
    • instrumentos (22)
    • textil (68)
    • xoiería (39)
    • madeira (67)
    • varios (41)
  • Teatro (239)
    • maxia (22)
    • aficionados (126)
    • compañías profesionais (93)
  • Música (1179)
    • son e iluminación (22)
    • varios (168)
    • solistas, duos y trios (30)
    • orquestras y grupos (43)
    • música clásica (283)
    • grupos folk-rock-pop (154)
    • rondallas (39)
    • corais e orfeóns (296)
    • bandas de música (149)
  • Cultura Tradicional (319)
    • agrupacións de canto tradicional (56)
    • grupos de música popular (262)
  • Bibliotecas (813)
    • bibliotecas públicas (456)
    • bibliotecas especializadas (357)
  • Danza (308)
    • outras danzas (38)
    • danza tradicional galega (270)

Aviso Legal | Política de Privacidad | Política de cookies

Aldeas Gallegas

Usamos cookies propias y de terceros para mostrar publicidad personalizada según su navegación.
Si continua navegando consideramos que acepta el uso de cookies. OK Más información