Funboa Escénica estrea o 25 de novembro no Salón Teatro a obra Oiseau Rebelle

Estreado o pasado mes de xullo no Festival de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Oiseau Rebelle (Paxaro rebelde) é un espectáculo no que, segundo as súas creadoras, “o corazón non só se presenta como metáfora senón como músculo e como alimento”. Temas como o azar, a dor, a soidade, o ideal, ou o primeiro amor tamén están presentes neste traballo orixinal que conxuga arte sonora, arte plástica, vídeo, movemento, texto, performance, etc.
Diferentes formas de expresión
En Oiseau Rebelle, dúas performers íspense emocionalmente diante do público. Cada imaxinario que constitúe a peza nace da confluencia de dúas diferentes formas de expresión escénica. Por unha banda, Cristina Balboa móvese nun absurdo elaborado pero tamén cotián, que é utilizado como fío creador dun mundo propio, con leis propias, no que a palabra toma unha parte importante no eixo do seu discurso escénico. A súa forma humorística particular deriva en situacións escénicas que dialogan directamente co público, xogando coa cultura popular e os seus referentes xeracionais.
Paulina Funes, pola contra, móvese máis no campo das artes visuais, no desenvolvemento do seu imaxinario, que remite máis ao plástico, á performance, ao body art, ao teatro danza, no que á imaxe-tempo cobra unha grande importancia. O seu interese creativo é xerar atmosferas que debuxen e perfilen o tema en cuestión.
Novo concepto de teatro
Funboa Escénica é unha compañía galega que nace da man de Cristina Balboa e Paulina Funes, coa intención de crear novas ideas para dar acubillo ao teatro máis contemporáneo e a novas formas de entender o teatro como arte escénica.
Para o financiamento da súa obra debut utilizaron o sistema do crowdfunding, mediante a presentación do proxecto en Verkami, un portal de Internet dirixido a creadores independentes que buscan –a través de pequenas achegas individuais de mecenas– a cantidade económica necesaria para materializar as súas ideas nun prazo de corenta días.
As entradas para Oiseau Rebelle poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia