14 formacións galegas participan no V Certame Galego de Bandas de Música

O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, participou na presentación pública deste evento que organiza a Federación Galega de Bandas de Música Populares xunto ao presidente do colectivo, Rubén Souto; e a Ángel Currás, concelleiro delegado de Cultura, Educación e Normalización Lingüística do Concello de Santiago, que colabora tamén na iniciativa. O acto contou, así mesmo, coa asistencia de Antón Alcalde, Andrés Álvarez e Diego David Cuevas, autores das tres composicións de execución obrigatoria para todas as bandas que concorren este ano ao certame.
Calidade e dedicación
Juan Carlos F. Fasero recoñeceu o “valioso papel que, tradicionalmente, as bandas de música populares veñen facendo tanto na formación de músicos novos como na creación de afección musical entre toda a cidadanía”. Destacou tamén a elevada calidade, profesionalidade e dedicación dos directores e instrumentistas destas formacións, “que –abondou– realizan un traballo constante de perfeccionamento artístico e de difusión da música galega que é lexítimo apoiar e apreciar”.
O director da Agadic explicou o contido do plano de colaboración aberto entre a Consellería de Cultura e Turismo e a Federación de Bandas, que ademais da promoción do certame, abrangue a celebración de varios concertos no verán, a convocatoria dun concurso de composición e a publicación das obras gañadoras.
Así, as 14 bandas resultantes do sorteo efectuado o pasado 27 maio ofreceron xa outras tantas actuacións por toda Galicia durante os meses de xuño, xullo e agosto. Canto ao IV Concurso de Composición, o xurado dará a coñecer nos próximos días as tres obras gañadoras (para cada unha das categorías previstas: unha primeira, de pezas para ser interpretadas por formacións de ata 50 músicos; unha segunda, de ata 70 músicos; e unha terceira, para obras sinfónicas, que necesitan máis de 70 instrumentistas para a súa execución). As composicións escollidas serán de interpretación obrigatoria no certame de 2012. A Agadic asumirá tamén a publicación das obras premiadas no III Concurso de Composición de 2010: Monte Medulio, de Andrés Álvarez; e Dolmen, de Antón Alcalde.
Tres días de música de banda
O primeiro dos concertos do V Certame Galego de Bandas de Música terá lugar no Auditorio de Galicia o venres 25 ás 20.00 horas e nel participarán a Banda Municipal de Música de Lousame, a Banda de Música Popular Airiños do Morrazo de Moaña, a Agrupación Musical de Belesar, a Banda de Música La Lira de Ribadavia e a Banda de Música de Santiago de Arteixo.
O sábado 26 a cita será as 18:00 horas e subirán ao escenario a Banda de Música Municipal de Agolada, a Banda de Música Cultural de Teo, a Banda-Escola de Música de Beade e a Banda de Música Popular de Rubiós.
O certame pecharase o domingo 27, día no que, a partir das 16:30 horas, poderase escoitar á Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira, á Agrupación Musical do Rosal, a Agrupación Musical de Vincios, á Banda de Música Municipal de Valga e á Banda de Música Municipal de Caldas de Reis.
Cada unha das formacións interpretará tres obras: un pasodobre, unha obra de elección libre e outra de execución obrigatoria por ser galardoadas en anteriores Concursos de Composición: as devanditas Monte Medulio, de Andrés Álvarez; e Dolmen, de Antón Alcalde (premios en 2010) e A Lenda da Santa Compaña (premio en 2009).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia