A galería subterránea da Cidade da Cultura acolle o concerto de Ulver

O concerto terá lugar nas propias entrañas do complexo deseñado por Peter Eisenman: a denominada Galería de servizos subterránea da Cidade da Cultura, que conecta os diferentes edificios construídos no Gaiás. Un espazo que, máis alá da súa función práctica, presenta unha estética vangardista que encaixa á perfección coa imaxe da banda. As entradas teñen un prezo de 5 euros máis gastos de xestión e poden adquirirse en www.servinova.es. O aforo estará limitado a 300 persoas.
O concerto de Ulver vén a complementar o programa de “Ruído de Fondo”, ciclo dedicado á arte sonora que trouxo ata a Cidade da Cultura a grupos tan relevantes como New Age, Emeralds ou Doravideo. “Ruído de Fondo” contará en decembro cunha clausura de luxo a cargo da artista Alyce Santoro, que o día 14 impartirá un obradoiro de paisaxes sonoras e presentará un traxe sonoro confeccionado co material enviado por músicos e deseñadores galegos. A colección presentarase en decembro nunha intervención multidisciplinar que inclúe música en directo e danza. Previamente, o 6 de decembro, Lee Ranaldo -cofundador da banda Sonic Youth- tamén se achegará ata a Cidade da Cultura, onde presentará un espectáculo no que combinará o seu rock experimental coa lectura de poemas.
Ulver
Ulver (Lobos) é unha banda de avant-garde metal que pasou por numerosas fases dende que se formaron en Noruega no ano 1993. Nos seus primeiros traballos, coincidindo neses anos coa explosión da escea de black metal do seu país –Inner Circle, Burzum, Mayhem, etc.– sonaban escuros e intensos. Na seguinte época, deixan de lado esta estética e adéntranse na electrónica, o ambient, o trip-hop e incluso o jazz; todo moi sintetizado nunha mistura complexa próxima ao rock industrial. A terceira, e ata o de agora última fase estilística destes inquedos músicos, comeza a partir de 2003, coa saída de "A Quick Fix Of Melancholy" e, sobre todo, coa publicación de "Blood Inside". Neste momento, experimentan coa música sinfónica, o rock progresivo e os ritmos do novo soul electrónico.
Ulver é unha das bandas máis vangardistas dos últimos tempos e manteñen un estatus de culto por todo o planeta sonoro como poucos precedentes se dan no universo da música popular. Tras case dúas décadas de vida, a súa música segue abraiando, coa incorporación de diversos instrumentos e diversificando o formato dos seus lanzamentos: desde bandas sonoras a cuantiosas obras de curta duración.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia