Agadic colabora con Laiovento na publicación do libro A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo colaborou coa editorial Laiovento na publicación do volume A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, un amplo traballo divulgativo sobre a traxectoria e a poética teatral dun dos mellores dramaturgos galegos de todos os tempos. O profesor Xosé Manuel Fernández Castro é o autor desta edición, realizada como resultado da síntese da tese doutoral homónima que defendeu en 2007 na Universidade da Coruña.O libro afonda na rica personalidade profesional de Roberto Vidal Bolaño mediante a investigación e a visión de conxunto da súa vida, obra e pensamento; e reivindica a pegada e a importancia do autor dentro do panorama da literatura dramática universal. Ademais, establece un catálogo que recolle unha clasificación coherente do corpus bolañés desde dous focos, o dramatolóxico e o teórico-crítico.
Dividida en cinco grandes bloques de contido, a obra refírese á carreira de Vidal Bolaño a través de catro etapas da súa biografía profesional, ao tempo que establece a catalogación e clasificación da súa obra dramática. Tamén inclúe unha visión de conxunto da súa produción literaria no eido dramático, presentada en dez segmentos marcados polos criterios de exclusións, adopcións, adaptacións, transmodalizacións, público, espazo, soliloquios, tempo inconcreto, outrora e agora.
Sobre Agasallo de sombras
A parte máis extensa do traballo ocúpaa o estudo da peza Agasallo de sombras, estreada en Vigo en 1984. As circunstancias desa primeira representación, a relevancia deste texto, as fontes históricas e literarias e a análise dramatolóxica da escritura, a dicción, a ficción dramática, o tempo, o espazo e as personaxes e mesmo a interpretación ideolóxica desta obra centran este estudo.
A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño complétase cunha extensa bibliografía e un índice onomástico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia


