O pianista cubano Antonio Queija abre o ciclo Franz Liszt, o peregrino

A primeira cita será este martes 11 co intérprete cubano Antonio Queija Uz, que ofrecerá un programa que inclúe Valse Mefisto nº1: “O baile na taberna da vila”; Mazeppa (Estudo transcendental nº4); Nocturno nº3 “Soño de amor”; Rapsodia Húngara nº6; Sonata en Si menor; e Rapsodia española (Folies d’Espagne et jota aragonesa).
Antonio Queija (La Habana, 1963) licenciouse en música na Universidade das Artes da Habana. Desde 1994 reside en España, onde leva a cabo unha intensa actividade como concertista e docente na actualidade no Conservatorio Profesional de Música de Lugo, sendo un dos pianistas máis comprometidos coa música galega. En 1995 a crítica aclamou de forma unánime a súa interpretación do Concerto nº 1 de Liszt acompañado pola Orquestra Sinfónica de Galicia no Palacio de Congresos da Coruña e no Auditorio de Galicia de Santiago en 1995.
Os próximos concertos serán o martes, 18 de outubro, a cargo do pianista vigués Juan Ignacio Martínez Pardo e o martes 22 de novembro a cargo da xaponesa Haruna Takebe. O ciclo, cos mesmos intérpretes pero con contidos algo diferentes, tamén se presentará no Campus de Lugo na segunda quincena de novembro.
Franz Liszt
Liszt (Raiding, actual Hungría, 1811-Bayreuth, Alemaña, 1886) foi o precursor do recital para piano e o pianista máis influinte do século XIX, ademais dun dos innovadores da harmonía nesa época, sobre todo co uso de complicados acordes cromáticos.
Entre as súas 350 obras pianísticas destacan os doce Estudos de execución trascendental (1851), as vinte Rapsodias húngaras (1846-1885; nº 20 sen publicar), os Seis estudos sobre un tema de Paganini (1851), o Concerto nº 1 en mi bemol maior (1849; revisado en 1853), o Concerto nº 2 en la maior (1848; revisado en 1856-1861) e as pezas que forman os tres volumes de Anos de peregrinación (1855, 1858, 1877).
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)