1.300 escolares de 25 centros visitarán Typewriter. A historia escrita á máquina”

Estas visitas, que rematará o 22 de decembro, terán lugar de luns a venres, nun horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Os centros interesados poden reservar a súa data cubrindo un formulario en www.cidadedacultura.org/visitasdidacticas. O número máximo de persoas por grupo será de 30. Para maior información, poden escribir a visitasdidacticas@cidadedacultura.org ou chamar ao teléfono 659 343328.
Coa axuda dun equipo de guías con formación pedagóxica e a través de contos infantís, láminas e debuxos, actividades psicomotrices, xogos de rol, grupos de traballo para debater e reflexionar, os alumnos mergullaranse nas etapas históricas nas que foron fabricadas as diferentes máquinas de escribir que se exhiben e descubrirán como a escritura mecanizada revolucionou campos como a comunicación, o comercio e mesmo provocou importantes cambios sociais, facilitando, por exemplo, o ingreso masivo da muller no mundo do traballo.
Este programa dispón de material adaptado os diferentes niveis educativos. Con fin de preparar a visita na aula, os profesores e centros interesados poderán descargarse en www.cidadedacultura.org/visitasdidacticas un caderno dirixido aos docentes, outro con actividades para os alumnos e unha guía de contidos específicos.
Nesta mostra se expoñen unha escolma de 120 máquinas de escribir, procedentes da colección de más de tres mil pezas da familia viguesa Sirvent. Entre elas atópanse dende a primeira máquina fabricada industrialmente ata pezas tan curiosas como máquinas de escribir música, estenotipias, de escritura para cegos, de escritura encriptada para espías, de abecedario xaponés, árabe, ruso ou máquinas con símbolos da S.S., etc.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia