Berrogüetto actúa no Womex 2011 de Copenhague

Os sete integrantes de Berrogüetto viaxarán á capital dinamarquesa como parte da carteleira de artistas que ocuparán na segunda xornada do Womex 2011 o escenario do Estudio 2 da do Koncerthuset de Copenhague e dentro da sección offWomex. A súa interpretación, que dará comezo ás 00:15 h, irá precedida das doutras dúas formacións procedentes de senllas comunidades españolas españolas que tamén foron escollidas para este evento: Diego Guerrero y El Solar de Artistas (Andalucía) e Epheminity Ejazz con Jota - Carmen París e Melissa Aldana (Aragón).
Máis de 15 anos á fronte do folk galego
Berrogüetto, que acaba de celebrar o seu 15º aniversario como unha das máis sólidas e coherentes formacións da música folk galega, presentarase en Womex 2011 diante dun auditorio integrado maioritariamente por promotores musicais, axentes culturais e prensa especializada de distintos países nun dos seus mellores momentos creativos, despois de publicar Kosmogonías e de ter recibido o Premio de la Músic 2011 á mellor canción en galego, e poucos días antes de presentar en Galicia o libro-DVD-CD titulado Berrogüetto. O pulso da terra, realizado a xeito de biografía con música en directo.
Na súa presentación en Copenhague, interpretarán unha escolma de temas tanto do seu último álbum como doutros traballos anteriores, co obxectivo de facer partícipe ao público internacional dunha mostra o máis representativa posible do seu amplo repertorio, caracterizado pola conxunción entre a música tradicional e a modernidade, a apertura de novos horizontes para a música de raíz mediante a experimentación coa contemporaneidade ou a mirada á diversidade cultural como fonte de riqueza.
O Womex
O Womex (The World Music Expo) é a feira para profesionais do eido da música étnica e de raíz máis importante do mundo. Con administración permanente en Alemaña, mantén unha filosofía itinerante e supón unha cita ineludible para todos os axentes do sector, aos que se lle ofrece unha variada programación de conferencias, documentais, propostas artísticas e concertos.
A edición de 2011 será a décimo primeira da historia do Womex. Celebrarase por terceiro ano consecutivo en Copenhague entre os días 26 e 30 de outubro, onde está prevista a asistencia duns 3.000 delegados (entre artistas, axentes, promotores, fonografistas, distribuidores, institucións, xornalistas e servizos de promoción) procedentes de 100 países.
Galicia, en concreto a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, optan a acoller a partir de 2014 este encontro, cuxa organización xa anunciou que nos dous próximos anos mudará a súa sede a Tesalónica (2012) e Cardiff (2013).
-www.berroguetto.com
-www.womex.com
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia