Ruído de fondo explora o sons electrónicos do underground americano e a música experimental xaponesa

Integrada por John Elliot, Mark McGuire e Steve Hauschildt, Emeralds debuxa paisaxes sonoros a base de ritmos electrónicos dunha beleza asombrosa. Amantes do minimalismo de Terry Riley e da ‘kosmiche musik’ alemá de Cluster, Klaus Schulze ou Popol Vuh, Emeralds móvese entre a electrónica e o rock espacial, sitúandose no top internacional dos medios especializados. As entradas están a venda en www.servinova.es a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión.
Hoxe saen tamén á venda as entradas para o seguinte concerto de Ruído de fondo: a noite Especial Xapón (25 de outubro), coa actuación de Doravideo (ás 20.30 horas) e Kokusyoku (ás 21.30 horas), ambos na Biblioteca de Galicia. Herdeiro da tradición dos ‘cut-ups’, Doravideo é Yoshimitsu Ichiraku, un batería que interactúa con sons orixinais e vídeo ‘loops’, sempre en sintonía cos sons da súa batería chea de sensores, que dispara imaxes sobre violencia, política, sexo ou tradicións, creando un abraiante espectáculo visual.
Despois de Doravideo será o momento de Kokusyoku Sumire e a súas melodías escuras, barrocas, xerando unha atmosfera de ‘dark cabaret’. O vestiario deste dúo xaponés, adorado por artistas como Tim Burton, forma parte do seu espectáculo. Con influenzas da cultura ‘gothic lolita’, con maquillaxes vitorianos e aspecto de bonecas de porcelana, Kokusyoku Sumire transportará ao público ao mundo das caixas de música xaponesas. As entradas están xa venda en www.servinova a 8 euros máis gastos de xestión.
Ruído de fondo continúa con estas actuacións no seu obxectivo de traer á Cidade da Cultura de Galicia novos sons, como fixo xa ca banda turca de Hayvanlar Alemi, coa psicodelía dos americanos No Age e como farán en novas actuacións que terán lugar ata o mes de decembro e que se darán a coñecer nas próximas semanas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia