Aprobado o decreto de cesión dos fondos de Isaac Díaz Pardo á Biblioteca da Cidade da Cultura
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, celebrou a aprobación do decreto no cal se establece a cesión dos fondos documentais e bibliográficos de Isaac Díaz Pardo á biblioteca da Cidade da Cultura en réxime de comodato por un período de 60 anos. O xefe do executivo mostrou o seu compromiso de “protexer e custudiar este fondo que se transfire a todos os galegos” por ser “un fondo de incalculable valor para a cultura e a sociedade galegas.”O comodato é esencialmente gratuíto e terá a fin de “promover o estudo do fondo bibliográfico e documental e fomentar e difundir e estender o coñecemento xeral do patrimonio cultural galego e de facilitar aos investigadores a profundización na obra deste excepcional galego, deste intelectual galego comprometido coa súa terra sempre”, asegurou Feijóo.
O fondo bibliográfico da Cidade da Cultura está formado aproximadamente por uns 16.000 exemplares, conformando a base de bibliotecas específicas de homes e de institucións da cultura galega “tan importantes como o propio Isaac Díaz Pardo, Manuel Díaz Rozas, Lorenzo Varela, a Fábrica de Sargadelos, o Seminario de Estudos Galegos ou Camilo Díaz Valiño”, destacou o presidente.
O comodato dos fondos bibliográficos e documentais de Isaac Díaz Pardo inclúe coleccións completas como A Revista Ibérica por la Libertad, 170 libros da editorial Ruedo Ibérico e publicacións fundamentais na recuperación dos estudos sobre Galicia e o galego como son a revista Grial ou a revista Verba. Feijóo asegurou que se trata “dunha achega de incalculable valor para Galicia, unha achega cultural de incalculable valor para a sociedade galega en xeral e tamén para a Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura”.
O presidente da Xunta quixo transmitirlle a Díaz Pardo que “ten o compromiso da Xunta de Galicia de responder como merece esta confianza custodiando e protexendo o fondo que transfire a todos os galegos a través deste comodato durante 60 anos e por suposto asumindo o compromiso de difundilo o máximo posible”. Ademais, Núñez Feijóo trasladou que “a Xunta se está comprometendo con alguén que se compromete, Isaac Díaz Pardo”, concluíu.
Fotografía: arquivo GD / Xunta de Galicia
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia


