En marcha un programa de visitas didácticas ás mostras da Cidade da Cultura

As visitas didácticas organízanse os venres, sábados e domingos ás 11.00 e ás 17.00 horas. Son de balde e non é preciso reserva de praza. Abonda con presentarse dez minutos antes da hora no Punto de Información, Espazo ON da Cidade da Cultura. Nelas, un guía especialmente formado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia explicará aos participantes o contido da exposición Typewriter: a historia escrita á máquina e tamén de Figuras para la batalla do escultor Miquel Navarro.
Obradoiros didácticos de ‘Typewriter’
Os obradoiros didácticos terán lugar, nunha primeira fase, entre o 2 de agosto e o 8 de setembro, todos os martes, mércores e xoves (excepto o martes 16 de agosto, festivo local en Santiago) ás 11,30 horas.
En canto ao público ao que van dirixidos existe unha diferenza entre os obradoiros dos martes e os dos mércores e xoves. Aos do martes, Obradoiros Familiares, poderán asistir rapaces de 3 a 12 anos sempre acompañados por familiares e terán unha duración de aproximadamente dúas horas. Os obradoiros dos mércores (Robotipo) e os dos xoves (Maquinais) están dirixidos exclusivamente a rapaces de Primaria, de 6 a 12 anos, e terán unha duración de noventa minutos.
O grupos están limitados a un máximo de 25 persoas. Aínda que a actividade é de balde é preciso reserva praza na web www.cidadedacultura.es. Ás reservas estarán abertas ata 48 horas antes do inicio da actividade.
Os tres obradoiros presentan contidos diferentes, co que será posible apuntarse a máis dun. Neles, os rapaces explorarán o universo da escritura mecanizada, descubrindo a través de xogos o esforzo do ser humano por comunicarse e por deixar unha pegada no tempo. Deste xeito, traballarán na creación de “pegadas propias”, aprendendo técnicas derivadas do gravado, como a monotipia, o raspado ou a impresión por reserva e presión -moi similar ao sistema de percusión empregado polas teclas das máquinas de escribir¬-.
Nos obradoiros familiares, maiores e cativos traballarán en equipo para crear unha “pegada familiar”, que permita definir a súa familia, explorando as posibilidades creativas dos pictogramas, e aproximando aos nenos ao mundo dos linguaxes e sistemas de código, como moitos dos que empregan as máquinas de escribir.
Nunha segunda fase, entre o 16 de setembro e o 1 de outubro, os obradoiros infantís pasarán a celebrarse os venres pola tarde –ás 17,00 horas- e os sábados –ás 11,00 e ás 17,00 horas. Estarán dirixidos exclusivamente a rapaces de entre 6 e 12 anos¬-.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia