Inaugúrase no Museo do Pobo galego a exposición 1 º edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

Co propósito de rememorar a figura de D. Antonio Fraguas Fraguas, na súa dobre vertente de pedagogo e etnógrafo, a Fundación que leva o seu nome convocou os premios Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, encamiñados á realización dun programa de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, histórico e artístico do entorno inmediato entre os centros escolares de Galicia.
O labor docente e científico de don Antonio Fraguas Fraguas exercido durante décadas e a través de varias xeracións, constitúe unha referencia para a cultura galega. Seguindo na liña por el trazada, a Fundación que leva o seu nome pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento do medio e á posta en valor dos máis diversos elementos do noso acervo cultural.
Agora, preséntanse nunha exposición os resultados dos proxectos realizados polos centros seleccionados na 1º edición do premio, o CEIP de Xuño na modalidade de ensino primario e o CPI Alfonso VII de Caldas de Reis no de secundario.
O premio está patrocinado pola Fundación Caixa Galicia e mais por Caixanova.
CEIP de Xuño
O MAR
O CEIP de Xuño é un centro de Educaión Infantil e Primaria que escolariza nenos e nenas de tres parroquias do Porto de Son: Xuño, Caamaño e Muro. A súa ubicación na costa Sur do Concello de Porto do Son, dalle unha situación privilexiada, xa que dende as súas fiestras pódese ver o mar e a un paseo de distancia están a Praia das Furnas, e as lagoas de Xuño e Basoñas.
É polo tanto unha escola da costa que non quere estar de costas ao mar. Deste xeito o proxecto viu pola necesidade de achegar o que lles é próximo á súa realidade escolar.
Co obxectivo de facilitar aos nenos e nenas o contacto coa realidade do seu mar traballáronse os seguintes aspectos:
O mar como:
• realidade xeográfica.
• medio de vida
• medio da vida
• forma de vida
• lecer
CPI ALFONSO VII
OBRADOIRO DE CULTURA POPULAR, HISTORIA LOCAL E MEDIO AMBIENTE
O CPI Alfonso VII está situado na vila de Caldas de Reis. O seu proxecto desenvolveuse coa participación dos alumnos de primeiro e segundo ciclo da ESO, residentes de todas as parroquias do Concello de Caldas de Reis, coordinados por profesores dos departamentos de Artes Plásticas, Ciencias Naturais, Ciencias Sociais e Lingua Galega e Literatura.
Unha escola inserida no contorno rural pode evitar a perda da memoria oral e da documentación persoal e familiar.O deseño do obradoiro viu dado polo afán da equipa do mesmo de que os alumnos e alumnas documentaran, comezando por escoitar aos seus avós, os procesos de cambio económico, social e ambiental do seu concello achegándose, a través das súas familias e veciños, ás percepcións, experiencias, actuacións e intereses das persoas que vivron nun contexto histórico determinado.
A proposta é un intento de educación patrimonial concibida como unha acción de carácter global sobre a poboación dun territorio para recuperar e pór en valor o seu patrimonio.
Proxecto Didáctico Antonio Fraguas 2º edición
O 30 de xullo de 2004 reuniuse no Museo do Pobo Galego o xurado do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas. Concorrían catro propostas na modalidade de ensino primario, e dúas na de ensino secundario. O xurado resolveu premiar, na primeira, o proxecto Os Hórreos do Concello de Ribeira de Piquín, presentado polo CEIP Aníbal Otero de Ribeira de Piquín. Na segunda modalidade resultou elixido o proxecto Muíños de Auga no Concello de Foz, do IES de Foz.
No mesmo acto, os representantes da FundaciónCaixaGalicia e da
FundaciónCaixanova, farán entrega do premio aos sleccionados na 2º
edición do Proxecto Didáctico.
Museo do Pobo Galego Departamento de Educación e Acción Cultural