Neira Vilas inaugura a exposición conmemorativa de Memorias dun neno labrego
O escritor Xosé Neira Vilas visitará a Biblioteca Provincial de Lugo para inaugurar a exposición Querido Balbino, 50 anos de “Memorias dun neno labrego”, cita que terá lugar o 21 de xuño. A mostra, que permanecerá en Lugo ata o día 17 de xullo, propón un percorrido pola vida de Neira Vilas e permite coñecer ademais a traxectoria da obra máis lida da literatura galega. Querido Balbino lembra as edicións, adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas en Memorias dun neno labrego, do que xa se imprimiron máis de 600.000 exemplares, e presenta tamén 10 obras pictóricas de autores galegos inspiradas no neno protagonista.Igualmente, dende o pasado mes de maio a Biblioteca Provincial ofrece a exposición A imprenta en Lugo no século XIX, que poderá visitarse tamén en xuño. Polo que respecta ao resto de actividades programadas, darán comezo mañá venres cunha sesión de contacontos a cargo de Iago López e dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, titulada “Un saco de estrelas”.
O vindeiro venres será Fátima Fernández a encargada de contar o conto “O amor flota na biblioteca”, mentres que o venres 17 o grupo Migallas representará a obra de teatro “Camiño de historias”, para todos os públicos.
Todos os actos darán comezo ás 18.00 horas. As sesións de contacontos terán lugar na sala de actividades e, dado que o aforo está limitado a 30 persoas, é precisa inscrición previa. Por outra banda, lembrar que a biblioteca ofrece visitas guiadas para coñecer as instalacións e os servizos que ofrece, para o cal basta con formalizar unha solicitude na secretaría do centro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia


