O 15º aniversario de Berrogüetto, portada da revista Ao Vivo

Berrogüetto, que acaba de recibir o “Premio de la Música” á mellor canción en galego por Alalá da noite, estrea tamén a súa condición de grupo embaixador da música de Galicia, segundo a figura creada pola Consellería de Cultura e Turismo con motivo da declaración de 2011 como Ano da Música de Galicia. Esta conmemoración centra outra das reportaxes da revista, que afonda ademais no bo momento que vive a nosa música indie a raíz da ampla representación de grupos galegos que tocarán esta semana no Primavera Sound de Barcelona.
O terceiro disco do grupo folk-punk Ulträqäns e a proposta didáctica de Pesdelán protagonizan, ademais, dúas das seccións habituais da revista –“Detrás da canción” e “Un día con”, respectivamente–, mentres que Bieito Romero, de Luar na Lubre; Emilio López, de Safari Orquestra; e Roberto Sobrado asinan cadansúa colaboración. Carlos Gil (La Familia), Manuel Seoane (Esenia), Carlangas Pereiro (Novedades Carminha) e a sala Clandestino de Nigrán figuran tamén neste número de maio, que nos achega así mesmo oito novidades do mercado discográfico galego.
A Agadic edita tres números de Ao Vivo Música ao ano, cunha tiraxe media de 7.000 exemplares, que poden descargarse na súa versión dixital a través da web www.agadic.info.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia