Espello Cóncavo presenta Limpeza de sangue

A peza, que lle valeu ao seu autor o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais do ano 2005, o Premio Nacional de Literatura Dramática de 2007 e o Premio María Casares 2011 ao mellor texto teatral en galego, sitúa na cidade da Coruña e cunha estética urbana unha trama que trata temas eternos, como son o medo á morte e a marxinalidade por medio de dous personaxes unidos polo preto que andan do delito e, sobre todo, polo preto que andan da dor e da morte.
Sergio Zearreta e Xavier Pan, nos papeis e Fernando e Pantaleón respectivamente, encabezan o elenco deste drama no que interpretan a un ex toxicómano en paro e a un arquitecto de éxito implicado nunha estafa no sector da construción. Procedentes de mundos aparentemente opostos, pero igualados pola mesma enfermidade, vense obrigados a facerse mutua compañía na sala de diálise dun hospital á espera dun transplante ou do inevitable pasamento. Mentres purifican o seu sangue, ven nacer unha amizade inimaxinable en medio da corrupción, a violencia e a inxustiza.
Máis de trinta escenas
Ademais de Zearreta e Pan, completan o equipo actoral Oswaldo Digón, Gari, Teresa Horro, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, “Tito”, Estíbaliz Veiga e un pequeno “cameo” do propio director Arturo López. Estes once actores e actrices son tamén os encargados de cambiar os decorados para as máis de trinta escenas en distintos ambientes nos que se desenvolve a historia.
Na produción de Espello Cóncavo tamén colaboraron Eduardo Alonso no deseño da iluminación, Nani García na música e Rodrigo Roel na escenografía e vestiario.
Homenaxe a Vidal Bolaño
Rubén Ruibal comezou a escribir Limpeza de sangue tras a morte de Roberto Vidal Bolaño e o peche da compañía Teatro do Aquí. “Fíxeno”, asegura o dramaturgo ribadense, “como unha homenaxe ao mestre e á compañía na que vivín os meus mellores anos no teatro”. Ten explicado tamén Ruibal que o punto de partida foi unha das pezas máis coñecidas do gran nome do teatro galego contemporáneo, Doentes, unha obra sobre a enfermidade coa que tenta participar nun xogo imposible con O príncipe e o mendigo, de Mark Twain.
As entradas para as dúas funcións de Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. Ademais, xa está dispoñible a venda anticipada na billeteira electrónica da web www.sientelaunion.es e a través do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia