Entrega de 4.000 libros de autores galegos aos visitantes da Cidade da Cultura

Sobre a escolma de 4.000 exemplares que a Xunta de Galicia agasallou aos visitantes da Biblioteca de Galicia, o conselleiro de Cultura e Turismo informou que pertencen “aos fondos adquiridos pola Xunta de Galicia dentro do seu programa anual de adquisición de novidades de todas as editoriais”. Segundo Varela, nesta selección na que “todas as obras están en lingua galega” intégranse “todos os xéneros como poesía, literatura infantil ou novela e están representados os grandes escritores galegos”. O responsable da área de Cultura cualificou a iniciativa como “un xesto simbólico e un xeito de promocionar a lectura, a literatura e tamén a nosa lingua nun formato que temos que seguir defendendo e protexendo como é o libro impreso, sen pechar as portas ao futuro”. Ante a chegada do libro dixital, Varela salientou a posibilidade dunha “maior accesibilidade á cultura e ao libro” pero advertiu asemade que “tanto a Administración como os editores temos que estar preparados, xa que vai provocar novos retos”.
Na súa intervención o conselleiro de Cultura cominou a ”seguir poñendo en valor o libro como un medio de propagación da cultura e do coñecemento e tamén como un obxecto”. “Un obxecto froito do traballo dos escritores, dos deseñadores e dos editores, facendo fincapé no labor dos libreiros”, engadiu. A este respecto Roberto Varela recordou que a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia vén de acordar a creación do Primeiro Premio Libreiro Cultural Galego. En verbas do conselleiro, “o fin último dun libro atópase nas mans do lector para o que precisa pasar polos libreiros, encargados de construír a nosa industria cultural, tan importante para Galicia”. “Os libreiros son o último elo desa cadea que non se debe romper nunca”, engadiu.
O Premio Libreiro Cultural Galego contribuirá ao recoñecemento público daquelas librerías que durante o ano 2011 se caractericen pola realización dunha tarefa continuada de dinamización cultural e da difusión do libro e da lectura, cunha atención especial á promoción e difusión do libro galego, dentro e fóra do espazo físico da librería. Deste xeito, a Xunta de Galicia recoñece á librería como un axente cultural activo indispensable para que a industria do libro manteña a súa pluralidade e creatividade e para consolidación do tecido cultural da sociedade.
Do mesmo xeito, con motivo da celebración do Día Internacional do Libro, a Xunta de Galicia publicou hoxe unha declaración institucional a prol do libro co obxectivo de amosar o compromiso incondicional do Goberno galego coa nosa literatura escrita e a industria cultural galega.
Feira Internacional de Bos Aires
O conselleiro de Cultura e Turismo apuntou que a conmemoración do Día Internacional do Libro neste día 27 celébrase “en dous sitios emblemáticos como a Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia e a Feira Internacional do Libro que está a ter lugar en Bos Aires, cidade declarada capital internacional do libro neste 2011”.
Desde o 20 de abril ata o 9 de maio, a Xunta de Galicia está a apoiar na XXXVII edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires ao libro como sector estratéxico da nosa sociedade. A través da Consellería de Cultura e Turismo, a industria editorial galega conta cun espazo propio na FIL de Bos Aires, considerada como un dos eventos culturais e editoriais máis importantes de Latinoamérica e na que participan 15 editoriais galegas. Entre as actividades programadas, destacan a actuación de Cándido Pazó, unha videoconferencia co escritor Xosé Neira Vilas e as conferencias de Víctor Freixanes sobre Cunqueiro e sobre xornalismo en Galicia. O venres 29 de abril terá lugar a presentación da Sección Galega “Castelao”, que será creada nas bibliotecas da cidade de Mar del Plata con fondos doados pola Xunta de Galicia.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO 2011
O goberno de Galicia súmase á celebración do Día Internacional do Libro, en representación dun país que se integra nas grandes correntes culturais contemporáneas. Desde a Xunta de Galicia consideramos que a nosa sociedade está presente no soporte duradeiro da palabra, da canle pola que se transmiten coñecementos, realidades, emocións e sensibilidade. Que contribuímos á formación deste vehículo, que supera calquera barreira de territorios e une o acto individual e libre da lectura coa vontade colectiva do entendemento.
Como galegas e galegos formamos parte do universo da palabra escrita, non só porque teñamos obras de calidade, senón porque a nosa creación no mundo editorial busca atravesar o espazo e os códigos lingüísticos, para se proxectar no mundo no que vivimos, en igualdade coas sociedades que nos rodean e en aceptación para recibirmos o que outros expresan, para incorporalo á nosa visión, como parte de nós mesmos.
Toda esta realidade baséase na revolución tecnolóxica que vivimos desde hai xa algunhas décadas, da que aínda non albiscamos a expresión final que nos trae. O libro convencional quedou en gran medida absorbido polas redes telemáticas, e xa parece imparable que a comunidade global teña acceso practicamente a todo o escrito; pola súa vez, calquera persoa ten a posibilidade de chegar a un público coa súa obra e establecer diálogos a moita distancia, baseados na lectura.
Dentro das incertezas para lograr retornos económicos polo capital intelectual, e da mutación de soportes que sofre o libro, cremos que Galicia afronta ben situada a nova era, por calidade de edición, por capacidade de adaptación e polo altísimo nivel das nosas creadoras e dos nosos creadores, na escrita e na ilustración gráfica.
O goberno da Xunta de Galicia coñece a súa responsabilidade organizativa e ten a vontade de apoiar os cambios que os distintos sectores vencellados ao libro están a asumir, para tirar proveito lexítimo dun mundo novo, no que a dicotomía entre metrópoles e periferia esvaece no pasado, e no que todos temos voz en igualdade.
Nesta nova óptica funcionan os nosos órganos de promoción e difusión do libro: a Rede de Bibliotecas da nosa comunidade, coa Biblioteca de Galicia dentro da Cidade da Cultura como recentísimo referente, e os departamentos ocupados da lingua galega como elemento de identidade e da xestión administrativa en prol da racionalización de medios neste eido. Pretendemos adaptar a oferta pública á realidade demográfica da comunidade, aos soportes que precisa o público e a unha fluidez de contidos que nos permita evolucionar co ritmo dos tempos.
Buscamos afianzar a nosa identidade por medio do recoñecemento das áreas culturais que nos rodean. Correspóndenos agora responder coa nosa achega ao moito recibido polos camiños de peregrinación e polos movementos migratorios de épocas recentes; termos voz propia para enriquecermos coa nosa mensaxe o mundo inexorablemente globalizado. Temos o libro como instrumento de igualdade, e con el, nas formas nas que se presente, procuramos o acceso a un tempo prometedor, máis alá das actuais incertezas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia