A Deputación de Lugo, pioneira en Galicia en mapas de localizacións de películas como reclamo turístico

No encontro daranse tamén a coñecer as dúas primeiras rutas cinematográficas definidas pola Deputación, que serán incorporadas na nova etapa do programa medioambiental Km0. Estes percorridos discorren polos escenarios naturais do filme “Romasanta” nos concellos do Courel e A Fonsagrada, e foron fixados precisamente a partir do “movie map” elaborado pola Escola de Imaxe e Son, dependente da Deputación.
O Presidente provincial e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, será o encargado de inaugurar o día 28 no salón de actos do Pazo de San Marcos as Xornadas de Turismo Cinematográfico, nas que se dará a coñecer e analizará esta nova ferramenta promocional a través de conferencias e unha mesa redonda, nas que, entre outros, participarán profesionais de prestixio como Carlos Rosado, presidente de Andalucía Film Comission; Julio Fernández, presidente de Filmax; Alfredo Conde, escritor galardoado co Premio Nadal e co Nacional de Literatura, e Anxo Quintanilla, director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia.
Tamén se presentará o mapa de localizacións de rodaxe e as rutas cinematográficas de “Romasanta” promovidos pola Deputación. Esta cinta foi producida por Filmax baixo a dirección de Paco Plaza, cun guión de Alfredo Conde, e protagonizada por Elsa Pataky e Julian Sands. Rodouse no ano 2003 en diferentes puntos do Courel e A Fonsagrada e conta a historia de Manuel Romasanta, o home lobo de Allariz.
A inscrición
A inscrición é totalmente gratuíta e todas aquelas persoas que estean interesadas poden formalizala a partir deste mesmo mércores a través da páxina web da Fundación TIC (www.fundaciontic.org) ou na Escola de Imaxe e Son de Lugo, situada na Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n. As xornadas están dirixidas ó público en xeral, pero resultarán de especial interese e utilidade para responsables e profesionais do sector turístico, xestión cultural, axencias de viaxes, responsables das Film Comission ou do ámbito audiovisual.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo