O galego Noaipre, na Taste of Sónar de Londres

A actuación de Noaipre en Londres enmárcase na liña de traballo marcada pola Xunta de Galicia e a organización do festival para a expansión do talento galego polo mundo programando aos seus máis destacados representantes en todas as citas do Sónar para este 2011. Ademais da actuación de Noaipre en Londres, Sónar Barcelona acollerá as actuacións do propio Noaipre, Xesús Valle, Judah e DJ Sith; SonarSound Tokyo albergará os concertos de BFlecha e MwësLee. Deste xeito, búscase dar visibilidade local e internacional á creación musical galega contemporánea, a través das canles de difusión que posúe o festival e nas súas diferentes citas.
Ademais de Noaipre, destacou a presenza da formación portuguesa Buraka Som Sistema, cun dos seus habituais e estimulantes directos de ritmos contundentes e sincopados pensados expresamente para a pista de baile. Tamén foron de relevo as actuacións do Dj produtor norteamericano The Gaslamp Killer, un dos máis iconoclastas e persoais selectores de música da actualidade e o padriño do UK garage británico MJ Cole, que está vivindo unha nova etapa de esplendor grazas á súa elegante aproximación á bass music, escena da que é un dos seus principais precursores.
O programa completouse coa actuación de DELS, a nova promesa do hip-hop británico, e as vibrantes sesións de Axel Boman, cunha exquisita sesión de electrónica aberta. Pola súa banda Benji B mostrou a súa recoñecida sabedoría tras os pratos e destacaron outras actuacións como as de Braiden, dominador da linguaxe dubstep e todas as súas múltiples ramificacións, e Tiger & Woods, misterioso dúo fascinado co espírito da cosmic disco.
Por segundo ano consecutivo, A Taste of Sónar contou coa colaboración de Red Bull Music Academy, encargados de comisariar a programación da segunda sala do Roundhouse, e que celebraron a súa academia itinerante o ano pasado precisamente en Londres.
Cartel Sónar
As últimas incorporacións ao cartel do Sónar 2011 como Shackleton, James Holden, The Gaslamp Killer completan unha programación que inclúe aos máis destacados artistas do panorama da música da actualidade. O Festival Internacional de Música Avanzada, que tamén se celebrará en Barcelona entre o 17 e o 18 de xuño, levará á cidade herculina a M.I.A., unha figura clave no panorama actual da música electrónica que ofrecerá en Sónar as súas únicas actuacións deste ano en España. Ao cartel de Sónar Galicia tamén se suman o sudafricano Die Antwoord, que presentará a súa proposta musical na que se atreve co rap, o pop ou o eurobeat, e os australianos Cut Copy. Xunto a eles tamén estarán Boys Noize, que presentarán un potente show audiovisual, e Buraka Som Sistema.
En 2011, Sónar Galicia combinará grandes shows de artistas internacionais de recoñecida traxectoria con propostas de corte vangardista e experimental, sempre poñendo unha mirada atenta sobre a musica feita en Galicia. Por segundo ano consecutivo, A Coruña será o escenario de máis de vinte actuacións, entre concertos e DJ’s, de artistas do panorama nacional e internacional. Magnetic Man, a primeira mega-banda da xeración dubstep, será unha das grandes atraccións desta nova edición do festival, tanto na Coruña como en Barcelona. Este trío británico, composto polos produtores e DJ’s Benga, Skream e Artwork, é considerado como a primeira formación de dubstep para as masas. Xunto a Magnetic Man, no cartel de Sónar Galicia tamén destaca o grupo Underworld, unha das formacións máis importantes na historia da música electrónica, ou Salem.
Información práctica
Os prezos e os lugares de compra das entradas para Sónar Galicia 2011 son os seguintes:
- Abono: 65€
En taquillas do festival: 75€
Válido para acceder a todos los conciertos del festival.
- Entrada Viernes 17: 35€
En taquillas del festival: 45€
- Entrada Sábado 18: 35€
En taquillas del festival: 45€
- Puntos de venda
Os medios habilitados son vía online a través dos enderezos electrónicos www.ticketmaster.es e www.caixagalicia.es. Por teléfono desde España: Ticketmaster: 902 150 025 / Caixa Galicia: 902 434 443; desde o estranxeiro: +34 932 752 294. Tamén nas tendas da rede Ticketmaster.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia