O CGAI celebra o seu 20º aniversario con Todos vós sodes capitáns, de Laxe

"Todos vós sodes capitáns", de Oliver Laxe, obtivo o recoñecemento máis importante da historia do cine galego, o premio FIPRESCI en Cannes 2010. Dentro das imaxes inéditas do NO-DO, proxectaranse un programa que baixo o título "A Galicia obreira" inclúe novas sobre percebeiros en Fisterra, a catástrofe do Urquiola, unha fábrica de plásticos en Vigo ou o desenvolvemento dunha campaña de alfabetización en Ourense. O programa "Galicia parador turístico" recolle, en 67 minutos, imaxes sobre as rías de Pontevedra, Lugo ou Ourense. Por último, o programa "Cidade compostelá" inclúe, entre outras, novas sobre a ofrenda ao Apóstolo de 1943, unha homenaxe a Fraga en 1965 ou o informativo titulado "Franco y los príncipes en Santiago", de 1969.
O ciclo do XX aniversario contempla tamén a proxección da película muda do ano 1924 "La casa de la Troya", filme restaurado polo CGAI e a Filmoteca Española no ano 2003, e que se acompañará en directo pola música do pianista Javier Pérez de Azpeitia. O ciclo especial completarase coa proxección dun título recente, "Decasia" (2002), do estadounidense Bill Morrison.
Melloras na sala de proxección e ciclos en Vigo, Santiago, Lugo e Ourense
Con motivo do seu XX aniversario, o CGAI prevé acometer obras de mellora na súa sala de proxeccións e poñer en marcha a exposición itinerante "Os Adeuses" que recorrerá distintas localidades de Galicia. Ademais, haberá ciclos e proxeccións especiais en Vigo, Santiago, Lugo e Ourense.
O CGAI reanudará a proxección de películas de cine mudo acompañadas de actuacións musicais e colaborará en efemérides significativas dos vindeiros meses como as que terán como protagonistas a Álvaro Cunqueiro e Ramón María del Valle-Inclán. O centro editará unha copia da nova versión de Galicia de Carlos Velo e Fernando G. Mantilla aparecida no Arquivo do Estado ruso de Cine Documental e Fotografía en Krasnogorsk, e publicará o libro que o historiador e docente Xosé Nogueira dedica á historia do cine en Galicia.
Por último, e dentro da programación deseñado polo CGAI para conmemorar o seu aniversario, procederase ao depósito do arquivo Eloy Lozano por parte da súa viúva, un patrimonio no que o centro xa está traballando coa restauración do seu título "Retorno a Tagen Ata" (1974).
O CGAI, en cifras
O Centro Galego de Artes da Imaxe inaugurouse o 15 de marzo de 1991 con catro obxectivos: a recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego; a programación de proxeccións, exposicións, conferencias, e publicacións co fin de proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe; a colaboración en actuacións en Galicia e no exterior con estes obxectivos; e a participación na promoción da produción audiovisual galega en mercados, mostras e festivais.
Na actualidade, o CGAI posúe preto de 3.000 copias de soporte cinematográfico e 4.000 copias en soporte videográfico. Almacena 960.000 metros de película e negativos de cine galego e máis de 2.150.000 metros de títulos non relacionados con Galicia. Completan o importante arquivo do Centro Galego de Artes da Imaxe 10.000 carteis e un inxente fondo fotográfico, incluídos os fondos fotográficos e fílmicos do escritor arxentino Julio Cortázar.
O CGAI organiza nove proxeccións por semana, sempre en versión orixinal, e dispón dun servizo de préstamo gratuíto para as producións audiovisuais sobre as que a Xunta ten dereitos de difusión cultural e daquelas películas recuperadas e restauradas polo centro. Dispón dunha importante Mediateca, que leva o nome do que foi director da institución entre 1999 e 2006, José Luis Cabo, e que está composta por máis de 6.000 revistas, preto de 10.000 libros e 7.500 títulos en DVD.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia