A Xunta homenaxea a Carvalho Calero coa reedición facsimilar de Prosa galega

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fíxolles entrega ás fillas de Carvalho Calero dun exemplar desta reedición, promovida polo Goberno galego para conmemorar o centenario do nacemento do profesor ferrolán. Durante o seu encontro con María Victoria e Margarita Carbalho-Calero, o titular da Xunta salientou a relevancia da traxectoria vital e intelectual do profesor e escritor, que considera merecedora dun recoñecemento institucional por parte do Goberno galego e de toda a sociedade.
Carvalho Calero soubo estar á altura das circunstancias históricas que viviu e iso converteuno nun persoeiro indispensable da cultura galega do século XX, transmitiu o presidente da Xunta á familia Carvalho. Neste sentido, o goberno galego destaca o traballado realizado por Carvalho Calero no Seminario de Estudos Galegos durante os anos 20 e 30 do século pasado, a súa participación na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e a súa contribución no proceso de reconstrución cultural de Galicia desde os anos 50.
O titular da Xunta tamén incidiu no labor a prol da consolidación dos estudos de lingua e literatura galegas no ámbito dos estudos superiores do que foi o primeiro catedrático de galego na universidade.
Unha obra emblemática na traxectoria investigadora de Carvalho Calero
A edición facsimilar que agora ve a luz, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e publicada pola Editorial Galaxia, é a homenaxe da Xunta de Galicia a Ricardo Carvalho Calero co gallo do centenario do seu nacemento.
Co obxectivo de recoñecer o labor académico e investigador realizado por Carvalho Calero xurdiu a iniciativa da Xunta de Galicia de reeditar Prosa galega, unha obra emblemática na traxectoria investigadora do lingüista de moi difícil adquisición, por estar practicamente esgotada na actualidade.
Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) foi un dos membros máis activos do Seminario de Estudos Galegos no ámbito da lingua e da literatura galegas. En 1958 ingresou na Real Academia Galega e en 1972 obtivo a cátedra de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela.
Entre 1976 e 1980, en períodos de dous anos, aparecen os tres volumes de Prosa galega: Desde os primeiros oitocentistas ao Grupo NÓS, Dos novecentistas aos nosos días e Da época trovadoresca ao neoclasicismo. A obra nace na Cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo primordial de pór ao alcance de estudantes universitarios e estudosos do feito literario galego algúns dos seus textos fundamentais e hoxe mantén a súa vixencia como obra de referencia da historiografía literaria galega.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia