Un colgante atopado en Cova Eirós evidencia presenza humana na última glaciación

O director do GEPN e do proxecto de investigación, o catedrático Ramón Fábregas, explica que ata o de agora, as únicas evidencias neste senso eran un colgante pétreo de Férvedes II (Vilalba) e as cunchas de Dentalium atopadas no xacemento de Valdavara (Becerreá). As novas datacións radiocarbónicas evidencian a maior antigüidade do colgante atopado en Eirós, xa que se atopou nun nivel datado hai uns 26.000 anos, no período do Paleolítico superior coñecido como Gravetense.
As medicións sitúan a esta peza como a evidencia máis antiga de arte moble do noroeste peninsular, correspondéndose cunha etapa na que as montañas estaban cubertas de mantos de xeo e as paisaxes interiores dominadas por pradeiras. Diante da falta de xacementos datados neste época, adoitaba pensarse que Galicia se atopaba despoboada debido aos rigores climáticos.
A presenza de ocupacións humanas neste nivel de Cova Eirós, tendo en conta que se encontra a unha altitude de 700 metros, amosa, en opinión dos investigadores, a capacidade de adaptación das comunidades de Homo sapiens que habitaron o territorio galego durante a última glaciación.
A peza presenta unha superficie raspada que lle confire un aspecto liso e brillante. Na súa parte media ten unha acanaladura feita con ferramentas de pedra que servía para facilitar a perforación final da raíz. O dente atópase fragmentado xa que só se conserva intacta unha das caras. Para este período existen moi poucos paralelos deste tipo de colgante nos xacementos cantábricos (menos dunha decena), a maioría deles concentrados na parte oriental (Cantabria e País Vasco), converténdose o de Eirós na evidencia máis occidental para esta clase de adorno.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)