Recepción á Asociación Galega de Empresas Musicais con motivo do Ano da Música

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero, participaron así mesmo nesta reunión, na que a AGEM agradeceu a Feijóo a declaración de 2011 como o Ano da Música de Galicia, a través da que a Xunta de Galicia revalida o seu compromiso cun sector que está a confirmar o seu liderado. Así se desprende, por exemplo, do estudo As cifras da industria cultural galega, presentado recentemente pola Agadic, segundo o que o sector musical vén consolidando a súa emerxencia nos últimos anos cun volume de negocio total próximo aos 100 millóns de euros e un destacado nivel de xeración de emprego, tanto directa como indirectamente.
Os representantes de AGEM agardan, pois, que a celebración deste evento supoña un impulso definitivo cara á consolidación e crecemento do sector da música en Galicia, obxectivo no que veñen traballando en estreita colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, a través da Agadic.
A celebración do Ano da Música de Galicia supón, ademais, o recoñecemento institucional do “carácter estratéxico e prioritario deste sector como vehículo para a promoción e divulgación da cultura, historia e da lingua de Galicia”, segundo se recolle na declaración aprobada a primeiros de xaneiro polo Consello da Xunta. Así, as institucións públicas galegas, os centros de ensino, as asociacións e as federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia contribuirán con parte da súa actividade a este evento, incidindo tanto no grande arraigo que, de xeito histórico, ten a música en Galicia como no feito de que os nosos músicos sexan auténticos embaixadores da nosa cultura fóra das nosas fronteiras.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia