O galego participa na Expolingua de París xunto con 50 idiomas de todo o mundo

A secretaría xeral busca aproveitar esta cita co fin de impulsar a proxección exterior e o recoñecemento internacional da lingua e da cultura galegas, así como de favorecer o intercambio de ideas con institucións lingüísticas de todo o mundo. Para iso, conta cun expositor no que os visitantes dispoñen de múltiple información sobre a lingua galega, desde as posibilidades de aprendizaxe do idioma en diferentes países de Europa e de América, ata os materiais e recursos lingüísticos accesibles desde a rede, as últimas publicacións de investigación sobre o idioma realizadas polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ou información detallada sobre a historia e a situación actual do idioma.
Aulas de iniciación para coñecer máis de preto a lingua galega
Para achegarlles o galego aos visitantes á Expolingua dun xeito máis próximo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén imparte aulas de iniciación á lingua galega para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis de preto o idioma.
Promover a diversidade lingüística
As expolinguas son espazos de encontro de diversas institucións lingüísticas de todo o mundo e entidades de formación en idiomas que buscan favorecer o intercambio e a promoción da diversidade de linguas.
Nestas feiras internacionais participan cada ano miles de persoas –estudantes, profesores, tradutores, intérpretes e tamén cidadanía en xeral–, para as que se desenvolve un amplo programa con presentacións, talleres, conferencias e outras actividades acerca das posibilidades de estudar idiomas no estranxeiro, as oportunidades laborais neste ámbito, a oferta de exames de idiomas e os programas internacionais de educación, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia