Anxo Lorenzo presenta unha nova publicación do Centro Ramón Piñeiro que inclúe materiais inéditos sobre Uxío Novoneyra

Novos materiais inéditos
Unha parte fundamental da obra constitúena os inéditos en prosa, textos ou discursos nos que a cuestión da lingua e os poemas do propio autor ocupan un posto preferente. Estes novos inéditos, que veñen sumarse aos publicados no primeiro volume, están máis centrados na obra literaria ou pictórica de nomes como os de Fole, Cunqueiro, Méndez Ferrín, Luís Seone, Lueiro Rei, Cuña Novás, Lourés, Manuel Coia e outros, moitos deles amigos do escritor.
Por outra banda, a obra inclúe novos datos bio-bibliográficos do poeta e dá conta, por exemplo, da memoria de licenciatura que sobre Os eidos se presentou na Facultade de Filoloxía da Universidade de Valladolid en 1978. A publicación tamén recolle a listaxe de novidades ou reedicións de estudos e ensaios sobre a obra de Uxío Novoneyra publicados durante o 2010, ano no que tivo dedicado o Día das Letras Galegas.
O apartado epistolar do primeiro volume increméntase agora subdividido de acordo cos diferentes destinatarios (Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo e outros). No caso de Ramón Piñeiro, as cartas acompáñanse de poemas logo integrados en Os eidos ou nas Elexías do Courel ou ben inéditos, variantes en moitos casos. Un apartado sobre autopoética complementa a obra, que foi coordinada por Luís Alonso Girgado e Luís Cochón.
Achegar a obra de Novoneyra ao lector
A través do proxecto editorial Celebración e Celebración II, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro, pretende achegar o lector á figura de Uxío Novoneyra, así como favorecer un mellor e maior recoñecemento da obra do escritor.
Gabinete de comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria