Os Premios da Cultura Galega 2010 recoñecen o traballo creativo e a súa expansión exterior

A segunda sesión de deliberación estivo presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e contou coa participación como vogais institucionais do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; o vicerreitor de extensión universitaria, cultura e sociedade da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Garbayo e a presidenta da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Mercedes Goicoa. Como membros do xurado designados pola Consellería de Cultura e Turismo tamén participaron na xuntanza o catedrático de Teoría da Literatura e secretario da Real Academia Española, Darío Villanueva; o profesor e crítico de arte Antón Castro Fernández; a arquitecta Isabel Aguirre Urcola; e o compositor Juan Vara García.
A relación de premiados é a seguinte:
- O escritor Agustín Fernández Paz é o galardoado co premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento a súa traxectoria vencellada á escrita galega. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.
- A artista Menchu Lamas recibe o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas polo seu traballo creativo, desenvolvemento de recursos expresivos e investigación de linguaxes propias. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.
- O Premio Cultura Galega das Artes Escénicas recae en Eduardo Alonso Rodríguez polo seu traballo a prol da dramaturxia galega. A proposta foi realizada por Escena Galega e outras tres entidades e aprobada por maioría.
- A Fundación Barrié de la Maza resulta distinguida co Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural polo seu traballo de catalogación e restauración de bens patrimoniais. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.
- O Premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia recoñece á Editorial Galaxia pola súa traxectoria vencellada á expansión cultural de Galicia fóra da comunidade autónoma e á súa difusión no exterior. A proposta foi realizada por distintos membros do xurado e aprobada por unanimidade.
- A Orquestra Sinfónica de Galicia recibe o Premio Cultura Galega de Música pola súa traxectoria vencellada á creación, consolidación e expansión da música galega, dentro da comunidade e no exterior. A proposta foi realizada pola Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e distintos membros do xurado e aprobada por maioría.
- O Premio Cultura Galega de Creación Audiovisual distingue á produtora Vaca Films pola súa actividade, dentro da comunidade e no exterior, a prol dunha linguaxe de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais. A proposta foi realizada por distintos membros do xurado e aprobada por unanimidade.
Con esta decisión, o xurado distingue a persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión do noso capital intelectual. O premio consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.
Coa creación e convocatoria dos Premios da Cultura Galega 2010, a Consellería de Cultura e Turismo pretende distinguir as persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión deste capital intelectual, na propia comunidade ou para o mundo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia