Cultura colabora coa Fundación Alfredo Brañas no seu calendario de actividades
A Consellería de Cultura e Turismo vén de asinar un convenio de colaboración coa Fundación Alfredo Brañas para a realización de actividades culturais relacionadas coa figura do escritor de Carballo. Segundo o texto do convenio, a Consellería de Cultura e Turismo concederá á Fundación a cantidade de 21.000 euros para levar a cabo actividades divulgativas sobre a figura de Alfredo Brañas a través de xornadas, mesas de debate e estudos. A acción enmárcase na celebración neste 2010 do Ano do Libro e da Lectura en Galicia.Ambas institucións consideran esencial o establecemento de accións conxuntas sobre a figura de Alfredo Brañas, líder, escritor e ideólogo galego de forte personalidade. Ao redor da súa persoa foise desenvolvendo un movemento que se inicia practicamente coa grande obra de Antolín Faraldo. Na obra de Brañas destaca o xornalismo, que lle ofreceu unha tribuna interesante e atractiva, escribindo e dirixindo varios xornais, sendo a produción xornalística de Brañas moi extensa. Foi escritor asemade de numerosos poemas en galego e castelán.
A Consellería de Cultura e Turismo engloba esta actuación nas súas competencias en materia de creación e difusión cultural, asegurando a realización de diversas manifestacións da cultura galega para dar a coñecer aos autores galegos e promocionar a nosa cultura dentro e fóra do noso país. A través deste convenio, recoñécese o papel da Fundación Alfredo Brañas como entidade mediadora entre a cultura galega e a cultura universal e á súa labor de continuidade no campo da promoción e difusión da cultura galega e da cultura en galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia


